BNG e PSdeG levan á Deputación un reparto democrático e equitativo dos orzamentos para os concellos
Ambas formacións sinalan que o PP de Baltar carece de maioría absoluta
O BNG e o PSdeG presentan unha moción conxunta na Deputación Provincial de Ourense para un reparto equitativo e democrático nos fondos que a institución reparte aos concellos. O portavoz do BNG, Bernardo Varela, afirmou que as políticas clientelares e caciquís do PP de Baltar están chegando ao seu fin.
"Esta mesma moción presentabaa o Partido Popular en Lugo no 2017 cando solicitaba un Plan Único para todos os concellos da provincia" sinalou o voceiro nacionalista. "Temos comprobado ao longo deste tempo que as políticas do Baltarismo tennos levado aos peores parámetros do Estado Español. Trinta e dous dos 92 concellos da provincia están nos peores parámetros en canto a persoas empregadas e xubiladas" sinalou Varela.
"É hora de que os concellos de Ourense sexan considerados maiores de idade. É hora de que os concellos poidan decidir onde invertir os cartos que o Estado lles concede" afirmou Bernardo Varela, voceiro na Deputación do BNG. "Nesta provincia, estes cartos non sabemos a onde van, estes fondos téñense que empregar para construír un Ourense Novo" criticou Varela.
Estes cartos ven para 91 concellos da provincia de Ourense, menores de 20 mil habitantes mais non existe un reparto equitativo e democrátivo. Por iso, dende o BNG e o PSdeG-PSOE solicitan que a Deputación suprima as subvencións de carácter nominativo e atenda a criterios de concorrencia e distribución equitativas. "Pedimos que se reparta o orzamento en base a criterios obxectivos, equitativos e democráticos para os concellos da provincia de Ourense" sinalou Varela, voceiro do BNG na Deputación de Ourense.
Asemade, segundo afirmaba o portavoz do PsdeG na Deputación Provincial, Rafael Villarino, "estamos á espera da resposta do grupo de Ciudadanos pero sabemos que Democracia Ourensana presentou unha moción idéntica hai anos na Deputación".