Presas esixe que a Xunta actúe ante os impagos da empresa de seguridade dos hospitais de Verín e Valdeorras

IMG_5448
A deputada do BNG no Parlamento Galego denuncia os constantes atrasos nos pagamentos
Presas esixe que a Xunta actúe ante os impagos da empresa de seguridade dos hospitais de Verín e Valdeorras

 A deputada do BNG por Ourense no Parlamento de Galiza, Noa Presas, denunciou a situación de impago da empresa de seguridade dos hospitais de Verín e Valdeorras. O BNG criticou a deixadez da Xunta de Galiza por “mirar para outro lado” e non cumprir as súas funcións coma os “xestores” que prometían ser.

Presas denunciou que as xerencias da Xunta teñen coñecemento, desde Xaneiro, dos constantes problemas de atrasos dos pagamentos. “O convenio de referencia estase incumprindo e o goberno de Feijóo mira para outro lado e non cumpre coas súas funcións” asegurou a deputada nacionalista.  

Segundo asegurou Presas, a “Xunta está dando un exemplo lamentábel ao sector privado, permitindo que os traballadores e traballadoras estean soportando condicións abusivas”. Asemade, estas traballadoras teñen unha importante carga psicolóxica e de risco que non se ve recompensada.

“Estamos a falar dun servizo privatizado que se paga con cartos públicos” sinalou Noa Presas. Aseguro que as tarefas realizadas pola empresa son un servizo público e que, polo tanto, o SERGAS e a Xunta deben implicarse. “Non poden actuar como se fora un problema exclusivo da empresa e dos traballadores” afirmou Presas.

Segundo puido saber o BNG, a empresa SERVICIOS DE SEGURIDADE INTEGRAL E MANTEMENTOS A1 S.L tivo demora de varios meses para o pagamento dos salarios de setembro, novembro e decembro de 2018. Tamén se demorou nos pagos dos meses de xaneiro, febreiro e xuño deste ano, sen ter aínda pagado o salario do mes de xullo cando debe facerse, segundo o convenio, como máximo nos primeiros 5 días do mes.

Solidariedade coas traballadoras

Desde o BNG amosaron a súa solidariedade coas traballadoras e traballadores da empresa. Adiantou que levarán esta cuestión ao Parlamento Galego xa que, segundo sinalou a deputada nacionalista, a responsabilidade última é da Xunta de Galiza que “debe esixir que a empresa cumpra as condicións do convenio ou debe iniciar os trámites para rescindirlles a concesión” concluíu Presas.

Presas esixe que a Xunta actúe ante os impagos da empresa de seguridade dos hospitais de Verín e Valdeorras