O BNG ratifícase nos seus argumentos para rexeitar o proxecto de Orzamento Xeral do Concello de Ourense

Luís Seara, Portavoz do BNG no Concello de Ourense
Luís Seara, Portavoz do BNG no Concello de Ourense

O Grupo municipal nacionalista insiste nos erros de tramitación do mesmo e na ausencia do informe da Intervención Xeral, “informe que é preceptivo para poder elevar o expediente a Pleno”

O BNG ratifícase nos seus argumentos para rexeitar o proxecto de Orzamento Xeral do Concello de Ourense

Ourense, 19 de maio de 2026. Na Comisión de Pleno celebrada esta mesma mañá no Concello de Ourense e cuxo único punto da orde do día era ditaminar o proxecto de Orzamento Xeral do Concello para o presente exercicio 2026, o BNG ratificou o seu voto en contra. Finalmente dito expediente contou co voto a favor de DO, a abstención do PP e o voto en contra tamén do PSdeG-PSOE.

O remate da Comisión, o Portavoz nacionalista Luís Seara ratificou os argumentos esgrimidos na emenda de devolución rexistrada para xustificar o seu voto en contra. “Partimos dun erro á hora de tramitar o expediente, erro que advertimos na nosa emenda ao sinalar que antes de ser debatido en Pleno, tiña que ser ditaminado pola Comisión de Pleno, erro que foi corrixido no día de hoxe coa celebración de dita Comisión”.

Luís Seara sinala que “o noso posicionamento é moi claro e así o manifestamos na nosa emenda de devolución, estamos diante dun expediente incompleto xa que falta nada máis e nada menos que o informe de fiscalización da Intervención Xeral, informe que ademais é preceptivo para que se poida levar e debater no Pleno”.

A maior abastanza, no BNG argumentan que “as Bases de execución profundizan nun modelo de Concello pouco transparente e onde as limitacións para o exercicio do control e da fiscalización desde o punto de vista económico van en aumento, consolidando o método DO” e engaden, “por non mencionar que este expediente adolece das mesmas eivas no Capítulo I, o referido ao persoal, que o anulado en 2020 e co xudicializado de 2025 ao non terse levado a cabo a obrigada negociación colectiva coa representación sindical”.

Diante desde escenario, o BNG ten claro que “non ímos votar a favor deste Orzamento, veremos que é o que fan o resto de Grupo, pero desde logo, nós non ímos avalar este xeito de proceder”.

O BNG ratifícase nos seus argumentos para rexeitar o proxecto de Orzamento Xeral do Concello de Ourense