O BNG pide explicacións na Deputación de Ourense polo uso de recursos públicos nun acto do PP no pavillón Paco Chao do Carballiño
Xosé Manuel Puga denuncia a utilización dun espazo público “sen planificación, causando prexuízos ao deporte local e posibles danos nunha instalación recentemente reformada”
Ourense, 19 de maio de 2026. O Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego na Deputación de Ourense vén de rexistrar unha iniciativa para pedir explicacións sobre a celebración dun acto partidario do Partido Popular o pasado 9 de maio no pavillón polideportivo Paco Chao do Carballiño, así como sobre a posible utilización de medios e recursos públicos da institución provincial na organización e recollida do evento.
O deputado provincial do BNG, Xosé Manuel Puga, explica que a organización nacionalista considera positivo que a cidadanía poida facer uso dos espazos públicos, mais advirte de que “ese uso debe facerse cumprindo unhas normas mínimas de planificación, transparencia e respecto polas instalacións públicas, exactamente igual que se nos esixe ao resto das organizacións, como: solicitude e planificación con tempo suficiente; aboamento de taxas públicas por uso e compromiso de deixar as instalacións utilizadas nas mesmas condición nas que se atopaban antes do seu uso”. Porén, tal como sinala o deputado, algunhas destas premisas evidentemente non se cupriron polos prexuízos causados.
Segundo recolle o escrito rexistrado polo Bloque, o acto organizado polo Partido Popular provocou diversos prexuízos, como a suspensión de diversas actividades deportivas previstas no pavillón, afectando a clubs e colectivos deportivos que tiveron que modificar a súa programación “da noite para a mañá” sen marxe suficiente, por decisión do Partido Popular e do concello do Carballiño. Ademais, o BNG denuncia que existen queixas polo estado no que quedou o parquet da pista central, con múltiples raiaduras provocadas pola ausencia de protección adecuada.
Neste sentido, Puga lembra que a propia Deputación investiu no ano 2025 arredor de 108.000 euros en melloras nesta instalación deportiva, incluíndo actuacións na pista central agora afectada. “É especialmente grave que unha infraestrutura na que se investiron importantes recursos públicos poida sufrir desperfectos por mor dun acto improvisado e organizado sen as garantías necesarias”, sinala.
A iniciativa presentada polo BNG tamén reclama aclarar “en que cuestións económicas, técnicas ou materiais colaborou a Deputación de Ourense” no evento celebrado polo Partido Popular, despois de recibir información sobre un posible uso de medios da institución provincial nas tarefas de recollida das infraestruturas empregadas no acto.
“O que queremos saber é se efectivamente se utilizaron recursos públicos para un acto partidario do Partido Popular e, de ser así, en que medida”, afirma o deputado provincial nacionalista, quen considera que a cidadanía “merece transparencia absoluta” sobre o uso das instalacións e dos medios públicos.
O Bloque advirte ademais de que esta situación evidencia unha forma de actuar “baseada na improvisación e no privilexio”, na que o Partido Popular decide alterar o funcionamento normal dunha instalación municipal sen ter en conta os prexuízos ocasionados aos colectivos deportivos e ás persoas usuarias do pavillón.