O BNG reafirma o seu compromiso e o seu total apoio á Universidade Popular de Ourense

Luís Seara asinando o manifesto de apoio á UPO en presenza de Aurora, membro da Plataforma

Desde a formación nacionalista reafirmaron esta mañá o seu firme compromiso coa UPO a través da sinatura do seu manifesto e reiteraron que co BNG no Goberno duplicarase o seu orzamento e dotarase dunha sede fixa na zona histórica para o desenvolvemento das súas actividades

O BNG reafirma o seu compromiso e o seu total apoio á Universidade Popular de Ourense

Ourense, 19 de abril de 2023. Un dos maiores expoñentes da desfeita cultural e educativa promovida polo actual Goberno Local é a Universidade Popular de Ourense. Co seu desmantelamento, Jácome pretendeu rematar con máis de 26 anos de traxectoria impecable dun programa e dunha institución propia do Concello que chegou a acadar os 140 cursos e preto de 3.000 matriculados.

Como ben lembrou Luís Seara, actual Portavoz do BNG no Concello de Ourense e candidato á alcaldía, “para nós a UPO é un dos proxectos estratéxicos e chave do noso programa. Fomos contrarios ao seu desmantelamento e apoiamos e apoiaremos todas as iniciativas que se leven a cabo desde a Plataforma para a súa reivindicación e permanencia”.

Seara, xunto á concelleira Rhut Reza reafirmaron o seu compromiso na xuntanza mantida esta mañá con membros da Plataforma asinando o manifesto de apoio á mesma. “Ao longo do que vai de mandato foron varias as ocasións en que desde o BNG trasladamos ao Pleno iniciativas encamiñadas a restituir as actividades da UPO e para reafirmar o noso apoio. Non esquezamos tampouco que a UPO é xeradora de riqueza na medida en que xera emprego entre os profesionais da cidade”.

Igualmente, desde o BNG quixeron deixar claro que, como proxecto estratéxico e unha das 20 medidas de goberno da formación nacionalista de cara ás eleccións municipais do 28 de maio, “en canto teñamos responsabilidades de Goberno, restituiremos as actividades da UPO dobrando o seu orzamento actual, que é de 175.000 euros e iniciando os trámites precisos para dotala dunha sede fixa na zona histórica que lle permita desenvolver todas as súas actividades e todo o seu potencial mesmo aumentando a oferta formativa ao tempo que reforzaremos con máis persoal o Servizo encargado da súa xestión e organización”.


 

O BNG reafirma o seu compromiso e o seu total apoio á Universidade Popular de Ourense