O BNG leva ao Parlamento galego a concesión de contrartos “a dedo” da Deputación de Ourense
Iago Tabarés insta á Xunta de Galiza que non fique pasiva ante os flagrantes e reiterados incumprimentos da Deputación Provincial de Ourense que xa foron advertidos tanto por Bernardo Varela, voceiro provincial do BNG, no pleno da Deputación de Ourense como polo propio Consello de Contas de Galiza, e que provocan graves prexuízos para o sistema democrático e para unha adecuada xestión dos recursos públicos.
Iago Tabarés, Deputado no Parlamento Galego por Ourense, trasladará ó Pleno do Parlamento de Galiza deste martes 25 de abril a reiterada práctica de contratos de obra concedidos a dedo na Deputación Provincial de Ourense
Con ocasión do debate e aprobación das recomendacións derivadas dos informes de fiscalización do Consello de Contas o BNG instará á Xunta de Galiza que, dentro do respecto á autonomía local e en exercicio das competencias que lle confire o Estatuto de Autonomía, se aplique na eliminación da discrecionalidade e arbitrariedade da Deputación Provincial de Ourense na adxudicación de subvencións nominativas e de contratos de obras “a dedo”. Este feito ten sido denunciado en reiteradas ocasións polo Voceiro provincial do BNG Bernardo Varela, desde que o Consello de Contas de Galiza no seu informe de fiscalización relativo ao exercicio 2018 xa reflexara que o 80% dos contratos de obras adxudicados era a través do procedemento excepcional de contratación menor, sen concorrencia, nin publicidade, recaendo o 70% destes en tan só 5 empresas.
O BNG ten constado que malia as recomendacións do Consello de Contas dese 2018 a Deputación Provincial de Ourense non mudou o seu proceder e A DEPUTACIÓN DE OURENSE CONTINUOU abusando da adxudicación de contratos a dedo tanto nos exercicios 2019, como no 2020 e no 2021 nos que máis do 60% das obras contratadas foron adxudicadas de xeito discrecional e sen concorrencia competitiva entre empresas, e non menos do 60% foron destes, adxudicacións ás mesmas 5 empresas. Unha das cales obtivo unha media anual de 1 millón de euros en contratos de obra adxudicados a dedo.
Un dato ilustrativo da utilización irregular deste sistema de contratación é o importe polo que se adxudican as obras. Xa se trate de da pavimentación dunha rúa, a mellora dun praza, a renovación do alumeado público ou a rehabilitación de equipamento municipal o importe do contrato é por 39.669,42€. Cifra que semella máxica á hora de cadrar os orzamentos. Asi no ano 2019, adxudicáronse 75 CONTRATOS por ese “curioso” importe. No 2020 foron 102 os contratos de obra adxudicados a dedo por ese mesmo importe, no 2021 foron 83 e no 2022 ascenderon a 85 contratados polo “curioso” importe de 39.669,42, a alguén sen dúbida lle quedou trabada a cifra.
Tanta reiteración no importe da adxudicación dos contratos, ao marxe da obra á que se refira, mais parece pensado en non sobrepasar o importe dos 40.000€ que o artigo 118.3 da Lei 9/2017 de 8 de novembro de contratos do sector público, establece como límite máximo para a contratación menor, que nunha eficiente xestión dos recursos públicos.
A utilización abusiva deste procedemento, sen publicidade nin concorrencia, impide que outras empresas poda presentar ofertas que melloren a obra ou que rebaixen o prezo, polo que este xeito que debería ser excepcional de contratar, vai en detrimento tanto do tecido empresarial, como dunha adecuada xestión dos recursos públicos.
Por iso o BNG insiste á Xunta de Galiza que non fique pasiva ante os flagrantes e reiterados incumprimentos da Deputación Provincial de Ourense que xa foron advertidos tanto polo Bng no pleno da Deputación de Ourense como polo propio Consello de Contas de Galiza, e que a fin provocan graves prexuízos para o sistema democrático e para unha adecuada xestión dos recursos públicos.