O BNG reclama 3millóns para fomento do emprego e fixar o teito de gasto dos orzamentos de 2014
O BNG presentou hoxe dúas mocións que vai levar a debate no pleno de agosto, unha para solicitar ao Concello unha modificación de crédito que permita un Fondo de Fomento e Mantemento do Emprego a través de microcréditos e outra para establecer canto antes o teito de gasto do orzamento de 2014, paso previo imprescindíbel ao seu debate.
O Grupo Municipal do BNG lembrou hoxe ao Alcalde que o exercicio orzamentario do 2013 é un ano perdido para a cidade de Ourense. Para Susana García 'isto demostra que o PSOE non ten un proxecto de cidade propio e é incapaz de facer unha planificación económica para a cidade'.
A modificación de crédito presentada polo goberno, en palabras da concelleira Ximena González 'demostra que non se pode falar da falta de orzamentos como unha cuestión rutineira ou normalizada por parte do Alcalde'. As representantes do BNG lembraron que xa en xaneiro expresaron a necesidade de aumentar o apoio do Concello ás entidades sociais e criticaron que na proposta de modificación se rebaixe a aportación do Concello e se faga sen aclarar cales son os criterios que se sigue, reiterando que as nacionalistas apostan por un modelo de subvencións de concorrencia competitiva fronte á discrecionalidade dos convenios, que se prestan á arbitrariedade do goberno.
O BNG criticou que nesta modifacación de crédito de máis de 8 millóns de euros non se destine nada a emprego, a falta de partidas para os acordos plenarios sobre recursos para igualdade, desafiuzamentos, atención psicolóxica das persoas maiores ou as axudas ás ITES, a inclusión de 100.000 para a capela dos Remedios ou un convenio coa Federación de ANPAS que en opinión do BNG pode ser cuestionábel pois quen presta os servizos son as ANPAS e a Federación é unha mera intermediaria.
Para o BNG unha modificación de crédito nestes momentos ten que incluír necesariamente unha partida para emprego que é a prioridade da cidade, calquera proposta que non inclúa políticas que fomenten o emprego e a dinamización económica da cidade non vai contar co apoio do BNG, sinalaron as nacionalistas.
Neste sentido a proposta do BNG foi apresentada hoxe como moción para debate no pleno de agosto. En palabras de Xosé Somoza 'o Alcalde dixo recentemente que Concello de Ourense dispón dun remanente de tesourería de 27'5 millóns de euros, e esta cantidade permite realizar modificacións de crédito para atender necesidades urxentes e prioritarias para os cidadáns. O Grupo Municipal do BNG considera que non hai necesidade máis urxente nin prioritaria que financiar con parte de ese remanente un Fondo para a Xeración e o Mantemento do Emprego en Ourense, que se xestione a través da concesión de microcréditos.
Susana García presentou a moción na que o BNG solicitará ao grupo de gobero que presente para a súa aprobación no pleno de setembro o teito de gasto de 2014 para poder comezar a redacción dos orzamentos e lembrou que dende que o PSOE ten responsabilidades na concellaría de Facenda os orzamentos nunca foron aprobados en tmpo e forza.
Para o BNG é urxente coñecer o teito de gasto de 2014 e lembraron que a estas alturas do ano non se coñece sequera o límite de gasto para 2013, o que impide calquera avance no debate orzamentario.
[ MOCIÓN SOBRE O TEITO DE GASTO PARA O EXERCICIO ORZAMENTARIO DO 2014 ]
[ MOCIÓN SOBRE O ESTABLECEMENTO DE UN FONDO PARA A XERACIÓN E O MANTEMENTO DO EMPREGO EN OURENSE ]