O BNG reclama diálogo e seriedade entre a Xunta de Galiza e o Concello de Ourense para recomezar a actividade termal
Noa Presas incidiu na necesidade de que tanto Xunta como Concello traballen conxuntamente e arreo para retomar a actividade termal en Ourense e adaptar as instalacións ás novas condicións derivadas da situación de pandemia e da aplicación da Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galiza.
Ourense, 17 de abril de 2021. Esta mañá e diante da piscina termal das Burgas, a deputada Noa Presas acompañada polo tamén deputado no Pazo do Hórreo Iago Tabarés e pola concelleira Rhut Reza e o concelleiro Luis Seara, compareceu para avaliar a situación na que actualmente se atopan as instalacións termais da cidade e o risco que supón para o modelo de Ourense a adaptación das mesmas á Lei Galega de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galiza.
Presas lembrou que “a cidade de Ourense ten nos aproveitamentos termais un dos seus potenciais vectores de crecemento e desenvolvemento económico”. Lembrando ademais que “Ourense foi no pasado unha referencia na existencia de espazos de desfrute termal de acceso e xestión pública, democratizando o seu use e desfrute por parte da veciñanza ourensá con independencia do seu nivel de renda. Non en balde, o Parlamento galego aprobou no ano 2008, a impulso do Grupo Parlamentario do BNG, a declaración de Ourense como capital termal”.
Porén, nos últimos anos, lonxe das esperanzas postas naquel consenso e no consenso ourensán arredor daquel primeiro Plan Estratéxico Termal de Ourense impulsado no Concello, “a evolución do termalismo en Ourense estivo limitada pola falta de apoio da Xunta de Galiza e a desidia e bloqueo político dos dous últimos gobernos municipais”.
Noa Presas reclamou de ambas administracións deixar a un lado “a desidia e a falta de colaboración política e institucional entre Xunta e concello, que fai que nestes momentos, as termas de Ourense, singularmente As Burgas mais tamén a parte pública de Outariz e máis as termas do Muíño, estean sen abrir ao público, furtando un dereito á veciñanza e unha oportunidade de dinamización económica nun momento complicado para unha zona tan castigada”.
Outro dos elementos importantes para os nacionalistas fai referencia a adaptación das instalacións termais á situación derivada da pandemia provocada pola COVID-19 máis sobor de todo á lei 8/2019 do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galiza.
A este respecto Presas lembrou que xa no seu día, durante a tramitación parlamentar da mesma, “desde o Grupo Parlamentar do BNG opuxémonos ao proxecto por entender que non estaba á altura das circunstancias, pois nin resolvía os problemas existentes nin sentaba as bases para asumir con éxito novos retos de futuro e explotar o potencial termal do noso país atendendo a criterios de equilibrio territorial, xustiza social e desenvolvemento socio económico”. E engade, “por eses motivos presentamos inicialmente unha emenda á totalidade, de devolución, facendo un chamamento a que era mellor demorar máis tempo en facer as cousas ben que lexislar desde a improvisación que nos trasladaba o goberno”.
Desafortunadamente o goberno galego seguiu para adiante sen abordar pormenorizadamente unha cuestión tan complexa, “véndose agora as consecuencias”.
Por último, desde o BNG reclaman seriedade tanto da Xunta de Galiza como o Concello de Ourense para evitar o que ven acontecendo ao longo do último ano, “son recorrentes as desculpas e cruces de acusacións, primeiro co goberno bipartito PP-Democracia Ourensana, despois co goberno en solitario de D.O. e agora novamente cunha especie de goberno bipartito. Nas últimas semanas volvíamos asistir a un cruzamento de responsabilidades que está a resultar estéril e infructuoso, ao tempo que as instalacións termais, preto como estamos do verán, continúan pechadas”.