O BNG cualifica de “insulto” as novas ofertas do AVE mentres Ourense sofre o “tarifazo Avant”
Noa Presas denuncia o agravio comparativo das ofertas de alta velocidade que fan que sexa máis barato viaxar de Madrid a Barcelona ou Valencia en AVE que desprazarse a traballar de Ourense a Coruña.
Ourense, 15 de abril de 2021. O BNG denuncia e avanza iniciativas para denunciar o agravio de que Renfe volva anunciar unha política de abaratamento do prezo das liñas de AVE noutros puntos do Estado cando en Galiza non hai nin AVE nin prezos decentes.
A deputada nacionalista Noa Presas recorda que “o tren é un servizo público, sostido cos nosos impostos e que debería axudar á cohesión territorial, á mobilidade interna e á dinamización económica pero en Ourense vemos o exemplo do contrario, nós pagamos máis e temos cada vez menos liñas mentres se inviste noutros territorios”.
Neste sentido, sinala que “a nova política de ofertas permitirá ir en AVE de Madrid a Barcelona por 27 euros e a Valencia por 18. É un insulto que isto pase mentres Galiza non ten nin AVE nin prezos decentes e ir nun Avant de Ourense a Coruña custe 25,30 euros. Para máis inri pronto comezarán a funcionar os trens “AVLO” de Madrid a Barcelona que permitirá viaxar por 7 euros, menos da metade do que custa ir de Ourense a Santiago”.
A nacionalista denuncia que “o goberno central segue sen aplicar unha homologación dos prezos co resto de Galiza tal e como se demandou unanimemente no Parlamento Galego a iniciativa do BNG no ano 2018. Se hai recursos para unha cousa, ten que habelos para outra”
Para a fronte nacionalista “é intolerable que se aplique unha rebaixa media do 16% noutros territorios que teñen mellores conexións e que siga sen afrontarse unha rebaixa da liña avant entre Ourense e A Coruña que para o BNG debera ser como mínimo dun 30%”.
O Avant das 06:45h. segue sen recuperarse
A deputada por Ourense Noa Presas recordar que “aproveitando a crise da covid-19, o goberno central vén suprimindo diferentes liñas sen xustificación e ademais de non terse recuperado aínda todas as conexións de longa distancia e tren hotel, é especialmente grave que aínda non se recuperara o Avant das 06:45h., que tiña unha alta demanda e que levamos pedindo 8 meses, 8 meses nos que centos de estudantes ou traballadores tiveron que buscarse a vida e mesmo irse vivir fóra de Ourense por non poder desprazarse aos seus centros de traballo dunha forma adecuada”.