O BNG reclama a dotación dun espazo municipal para a Asociación Arrolos de Teta
A formación nacionalista denuncia a falta de actividades desenvolvidas polo Concello na Semana Mundial da Lactancia Materna
Ourense, 06 de agosto de 2024. O BNG denuncia a inacción do Goberno Local na Semana da Lactancia e ínstao de novo a colaborar co tecido asociativo. A formación nacionalista insiste tamén na necesaria regularización da Comisión de Lactancia da Área Sanitaria de Ourense.
O BNG levou unha moción ao Pleno Ordinario de marzo do Concello de Ourense esixíndolle ao Goberno Municipal desenvolver un programa de saúde materno-infantil en colaboración co tecido asociativo e a celebrar a Semana Mundial da Lactancia Materna (SMLM).
A día de hoxe, celebrándose a SMLM, o Goberno Municipal non só non programou ningunha actividade, senón que nestes meses non impulsou ningunha medida a prol da lactancia materna.
O BNG tamén instou nesa mesma moción a crear un convenio coa asociación Arrolos de Teta, o grupo de apoio e lactancia materna en Ourense, pero isto desafornatudamente tampouco se fixo.
Arrolos de Teta está a recoller sinaturas solicitando un espazo propio para desenvolver a súas actividades, tan necesario para poder acoller as familias con bebés, para realizar asesorías de lactancia, reunirse e acompañarse.
Dende o BNG únimonos as súas reinvindicacións e instamos de novo ao Goberno Municipal a dotar esta asociación dun espazo propio.
O BNG responsabiliza tamén á Xunta de Galiza, culpable de que o SERGAS siga sen garantir o funcionamento adecuado da Comisión de Lactancia de Ourense, Noa Presas cualifica como “inaceptable” esta situación e insiste en que o BNG volverá a levar esta cuestión ao Parlamento Galego.