O BNG traslada ao Parlamento galego as queixas e as eivas detectadas na senda peonil que atravesa a Avda das Caldas
A formación nacionalista a través do seu Grupo parlamentar, cuestionará ao Executivo galego sobre se os traballos realizados e os materiais empregados se axuntan ao proxectado ao tempo que solicitarán a construción de máis zonas verdes ao longo de todo o percorrido da senda
Ourense, 28 de agosto de 2024. O Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo e a través do deputado por Ourense Iago Tabarés, ven de rexistrar unha batería de preguntas sobre a execución da senda peonil proxectada pola Xunta de Galiza en Ourense e máis concretamente polo treito que transcorre entre a estación Empalme e a Ponte Vella, pasando pola Avenida das Caldas no barrio da Ponte.
O deputado Iago Tabarés lembra que “a obra deste treito foi adxudicada por un importe de 1.296.980,85 euros IVE incluído e cun prazo de execución de 16 meses”, ao que engade, “no proxecto contratado, entre outros aspectos, contémplanse espazos para a circulación e estacionamento de vehículos, un carril ciclista e beirarrúas para o tránsito peonil”.
Segundo Tabarés, “de entre todas as particulariedades técnicas do proxecto, o que máis polémica está a xerar é o pavimento escollido para as novas beirarrúas xa que o proxecto deixaba aberta a posibilidade de optar entre o emprego de lousas de pedra morena ou a pavimentación con formigón, sempre tendo como criterio principal a durabilidade e conservación”.
E é que, tal e como sinalan desde o BNG, “a posta en servizo de parte das beirarrúas contida na actuación está a provocar unha xustificable preocupación na veciñanza de Ourense en xeral e do barrio da Ponte en particular, resultando claramente desacertado a opción da durabilidade e conservación sobre a humanización, a ampliación do arborado ou a utilización de materiais máis limpos, seguros e de mellor aparencia”.
Tabarés volve lembrar outras actuacións máis que cuestionábeis levadas a cabo nos últimos tempos por parte do Goberno galego. “Como xa se fixo na reforma da Avenida Otero Pedrayo, na rúa Marcelo Macías, ou na Estación de Autobuses, a Xunta de Galiza limita os investimentos no Concello de Ourense a costa do futuro da cidade e da cidadanía e do seu benestar”.
Por mor desta situación e diante das crecentes queixas veciñais, desde o Grupo parlamentar do BNG queren coñecer se “á vista do resultado, a Xunta ten previsto realizar algunha modificación nas beirarrúas da Avda das Caldas así como se nunha intervención nun espazo tan relevante como é esta rúa, o criterio principal debe ser o de menor custe e isto dicímolo por desbotar a opción do enlousado en pedra”.
Por último, desde a formación nacionalista cuestionan as talas de masa arbórea levadas a cabo para a execución dos traballos pois entenden que ”este proxecto de senda peonil era unha oportunidade para incrementar os espazos verdes e de sombra da cidade de Ourense, contribuíndo a aumentar o minguado patrimonio arbóreo da mesma”.