O BNG reclamará no Parlamento galego solucións ao bloqueo da Praza de Abastos nº 1 de Ourense

Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense
Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense

A través dunha PNL que se debaterá este mesmo venres na Comisión 6º, a Formación nacionalista pedirá máxima implicación da Xunta de Galiza para desbloquear un proxecto “situado na contorna das Burgas, nun espazo declarado BIC, con evidente valor patrimonial, histórico e monumental e sendo un dos lugares máis visitados da cidade”

O BNG reclamará no Parlamento galego solucións ao bloqueo da Praza de Abastos nº 1 de Ourense

Ourense, 20 de novembro de 2025. A situación de bloqueo na que se atopa o traslado das praceiras e praceiros ao edificio rehabilitado da Praza de Abastos número 1 de Ourense será obxecto de debate no Parlamento de Galiza a través dunha PNL rexistrada polo Grupo parlamentar do BNG. Nela, o deputado Iago Tabarés sinala que “a incapacidade para a xestión dos recursos públicos por parte do Concello de Ourense non pode seguir prexudicando o desenvolvemento económico e social da cidade”.

Para Tabarés, a cerrazón do Alcalde “non pode seguir privando á cidadanía de espazos públicos, polo que a Xunta de Galiza debe implicarse activamente na adopción e execución das medidas necesarias para a posta en funcionamento da Praza de Abastos e na adaptación e acondicionamento da súa contorna”.

O BNG destaca na iniciativa que o recente auto de 24 de setembro de 2025 do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense polo que se desestiman as medidas cautelares solicitada polos Comerciantes Asociados fai que como requiriu o Concello, “sexan estes quenes deban presentar un proxecto de adaptación interior, fixando as características dos postos e as necesidades e condicións de cada un deles en canto a instalacións eléctricas, medidas de seguridade, hixiene ou accesibilidade e todo elo sen prexulgar a quen correspondera o financiamento e execución dese proxecto de adaptación”.

Mais o certo é que segundo Tabarés, “actualmente, após millóns de euros de recursos públicos investidos e dunha nefasta xestión por parte do Goberno local, renunciando ao acondicionamento exterior do edificio ou á implantación dos necesarios servizos complementarios unido á devolución de subvencións concedidas incrementadas co pagamento de xuros das cantidades percibidas e con defectos na execución do proxecto así como a ausencia de previsións e actuacións no interior para acomodalo ao destino previsto fai que a infraestrutura siga pechada, sen poder ser usada e que as comerciantes, contra a súa vontade, continúen ocupando parte da Alameda, un dos poucos espazos verdes de lecer cos que aínda conta a cidade de Ourense”.

Por todo o anterior é polo que desde o BNG entenden necesario que, “con carácter urxente e previo diálogo co Concello e coa asociación de comerciantes da Praza de Abastos, a Xunta impulse as actuacións necesarias para a entrada en funcionamento do edificio, rematando e mellorando a súa accesibilidade e a urbanización da contorna consonte ao proxectado no seu día e comprometendo o financiamento a tal fin”.

O BNG reclamará no Parlamento galego solucións ao bloqueo da Praza de Abastos nº 1 de Ourense