O BNG valora negativamente uns orzamentos provinciais para 2026 que califica de continuístas e afastados das necesidades da veciñanza de Ourense.
Bernardo Varela: “ O BNG emendará a totalidade dos orzamentos da Deputación de Ourense cunha proposta alternativa que atenda as necesidades e prioridades da veciñanza das comarcas de Ourense”
O grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense ven de realizar a súa primeira valoración do proxecto de orzamentos da Deputación para o ano 2026. A formación nacionalista considera que o documento presentado polo goberno da Deputación “profundiza no continuísmo e na falta de rumbo político”, afastándose da necesidade dun modelo de xestión “útil, transparente e orientado a mellorar as comarcas de Ourense”.
Un dos elementos que o BNG considera especialmente graves é a incongruencia detectada na asignación ao INORDE, cuxa achega nos orzamentos da Deputación non coincide co acordado no Consello Reitor. Varela considera esta “evidencia unha falta absoluta de coordinación interna e de rigor, impropia dunha institución que debería actuar con planificación e solvencia”.
O portavoz nacionalista chamou tamén a atención sobre o incremento do gasto en persoal. O Capítulo I acada para 2026 un total de 42 millóns de euros, o 38,02 % do orzamento, fronte aos 39,67 millóns de 2025, que representaban o 37,75 %. “Non estamos ante unha aposta por reforzar servizos públicos nin por mellorar a capacidade de resposta da Deputación”, afirmou Varela, “senón diante da consolidación dun modelo burocratizado, que engorda a estrutura interna mentres non se mellora o apoio aos concellos nin se impulsa a dinamización económica”. Do mesmo xeito, o Capítulo II, relativo a gastos correntes, tamén experimenta un incremento relevante, chegando en 2026 aos 28,63 millóns de euros, o 25,92 % do total, fronte aos 25,79 millóns de 2025, equivalentes ao 24,55 %.
O portavoz do BNG subliñou que a suma dos Capítulos I e II, os gastos que a Deputación ten “simplemente por abrir a porta”, continúa medrando e representa novamente a parte máis elevada das contas da Deputación. “Estamos nun modelo no que máis da metade do orzamento desaparece en gastos estruturais antes de iniciar sequera políticas activas. Así non hai proxecto posible”, lamentou.
Ademais, o BNG advertiu que o incremento do Capítulo VII responde principalmente ao aumento das subvencións nominativas, que en 2026 alcanzan os 8,56 millóns de euros (7,75 %), fronte aos 7,24 millóns do exercicio anterior (6,89 %). “É un reforzo evidente da política discrecional que tanto criticamos”, afirmou Varela, quen insistiu en que “a Deputación debe avanzar cara unha asignación de fondos máis obxectiva”.
Xunto ás cuestións estritamente económicas, o grupo nacionalista denuncia que os orzamentos “chegan alleos ás principais necesidades da provincia”. Varela subliñou que non incorporan medidas específicas para afrontar “o desastre provocado polos recentes lumes”, nin contemplan políticas activas que permitan “fomentar o emprego e fixar poboación”. Tamén criticou que non se reforza de maneira suficiente o apoio aos concellos de menos de 20.000 habitantes, “que son os que máis precisan da Deputación e os que deberían ser o centro da acción política”.
Bernardo Varela concluíu que estes orzamentos “confirman a inercia dun goberno, que renuncia a asumir os retos estruturais de Ourense e que se limita a reproducir as mesmas políticas habituais do PP”. Para o BNG, “Ourense necesita que se apoie aos concellos e que se active a economía. O que temos, por desgraza, é exactamente o contrario”.
Desde o grupo nacionalista avanzan que presentarán unha emenda á totalidade destes orzamentos. Está emenda á totalidade, que será dada a coñecer en brevidade, reflexará un modelo alternativo da xestión do ente provincial que atenda as necesidades e prioridades da veciñanza das comarcas de Ourense.