O BNG reitera en Xunta de Área a necesidade de reunir á Comisión do PMUS para avanzar na mellora da mobilidade e na implementación da ZBE
Ao tempo, desde o BNG trasladaron as queixas da veciñanza da Avda das Caldas pola execución das obras da senda peonil, amosando o Goberno Local o seu descontento coa execución das mesmas e afirmando que así llo trasladaron por escrito ao Goberno galego, escrito ao que os nacionalistas pediron ter acceso
Ourense, 16 de xullo de 2024. Nas Xuntas de Área celebradas esta mañá no Concello de Ourense, desde o Grupo municipal do BNG reiteraron algunhas cuestións xa abordadas en reunións anteriores pero que, “como ben sendo habitual, quedaron novamente pendentes”.
Así, na Xunta de Área de Admon. Xeral e loxística, Mobilidade e Seguridade, o Portavoz do BNG Luís Seara, solicitou a convocatoria dunha reunión da Comisión do PMUS para abordar a situación da mobilidade na cidade, “pois a situación de caos existente vai a máis cada día”. Ao tempo, Seara entende preciso “avanzar dunha vez por todas na definición e na implementación da Zona de Baixas Emisións (ZBE). Xa ímos tarde e da pouca información que temos, os pasos dados polo Goberno Local son absolutamente insuficientes”.
Igualmente, os nacionalistas reiteraron a necesidade de que compareza o Director Xeral de RRHH “para dar conta da afectación que está a ter sobre o persoal a anulación do capítulo I do Orzamento de 2020, unha comparecencia pedida mesmo por Rexistro pero que aínda non se produciu”.
Luís Seara tamén pediu unha reunión da Xunta de Portavoces “para abordar a situación do transporte público, da situación na que se atopan os pregos de licitación e da súa adaptación ao futuro transporte metropolitano”.
Na Xunta de Área de Urbanismo, e logo de que desde o BNG se trasladase a disconformidade de boa parte da veciñanza da Avda das Caldas polas obras da senda peonil que está executando a Xunta, o Concelleiro delegado admitiu o descontento do Concello cos traballos que se están acometendo e mesmo adiantou que así llo trasladaron por escrito ao Goberno galego, escrito ao que os nacionalistas pediron ter acceso.
A anécdota produciuse cando o Concelleiro do BNG Xosé Manuel Puga fixo referencia á resposta dada pola Xunta ás preguntas do BNG no Parlamento de Galiza sobre quen se ía facer cargo do pagamento dos arranxos levados a cabo na rúa Marcelo Macías logo das deficiencias detectadas. Na resposta, a Xunta sinalaba que “parte” dos mesmos eran sufragados pola empresa adxudicataria e o Concelleiro confirmou que o Concello terá que facer fronte ao pagamento de 2 metros de tubaxe que a empresa non cubre.
Sobre os proxectos que o Alcalde vai anunciando alí a onde acode, como recentemente en Cabeza de Vaca con motivo das festas do pobo e onde prometeu a construción dun miradoiro na zona, o Concelleiro de Urbanismo afirmou descoñecelo por completo.