O BNG replícalle a Cabezas, “non lle ten que preguntar ao BNG senón a Rueda e a Feijóo que é o que van facer en Concello e Deputación”
Desde a formación nacionalista repróchanlle ao PP ao seu cinismo pois “Jácome é alcalde porque o PP así o quixo” ao tempo que lle piden que aclaren o seu posicionamento xa que “dependendo de quen fale dentro do PP dinse cousas distintas xa que onte Jose Luís Baltar, por boca do alcalde de Cartelle, abogaba por que goberne a lista máis votada no Concello pois hai que manter a Deputación a toda costa”
Ourense, 01 de xuño de 2023. Desde o BNG volven insistir unha vez máis en que “ten que ser o PP quen lle diga ao conxunto da veciñanza de Ourense que é o que vai facer xa que se un escoita o que onte manifestaba Jose Luís Baltar, por boca do alcalde de Cartelle nunha emisora de radio, “parece claro que por manter a Deputación, o PP deixará a Jácome a fronte da alcaldía”.
Na formación nacionalista lembran que se Jácome é alcalde e nos atopamos agora nesta situación é por culpa única e exclusivamente dos Populares polo que “xa abonda de cinismo e de pretender eludir responsabilidades, que sexan claros e digan que é o que van facer”.
Luís Seara, Portavoz en funcións do Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense replica con contundencia que “a nós ninguén nos marca os tempos. Somos unha Organización serie e rigorosa e tomaremos as decisións que consideremos máis acaídas cando o entendamos preciso e non cando o diga Cabezas ou o PP”.
Modificado da obra da rúa Concordia
Na Xunta de Goberno Local celebrada polo Concello de Ourense esta mesma mañá, aprobouse o modificado de obra da rúa Concordia, inaugurada poucos días antes das eleccións do pasado domingo 28 de maio.
Ao BNG sorpréndelle que dito modificado vai a aprobación unha vez as obras, suponse, xa están rematadas polo que veñen de solicitar acceso ao expediente e coñecelo así polo miúdo e a partir de aí poder valorar o acontecido e as posíbeis consecuencias.