O BNG retruca a Jácome sobre os incumprimentos da Xunta con Ourense

O BNG lémbralle ao Rexedor que hai un ano abstívose na Investidura de Rueda “para darlle un novo voto de confianza” ao tempo que lamentan que ao longo de todos estes anos “mirase cara outro lado cando desde o BNG custionamos proxectos como Marcelo Macías, o pendello dus buses, a senda de Reza ou o CAPD entre outros”
Ourense, 14 de xaneiro de 2025. Casualidade ou non, o feito é que este 14 de febreiro, día da amizade e dos namorados, o idilio entre Democracia Ourensana e Partido Popular parece non atravesar polo seu mellor momento pois desde o Goberno local veñen de acusar á Xunta de someter á terceira cidade do país a un “bloqueo institucional” similar ao dos EUA con Cuba.
Para o Grupo municipal do BNG “Jácome xa non é crible, pedímoslle que abandone dunha vez este victimismo ficticio que practica pois DO e PP seguirán saído ao rescate o un do outro sempre que o precisen”. O Portavoz do BNG no Concello Luís Seara, lémbralle ao actual Rexedor que “hai un ano abstívose na investidura de Alfonso Rueda como Presidente da Xunta”, segundo dicía, “para darlle un novo voto de confianza” e pese a que a discriminación a Ourense á que agora alude, “xa se producía con anterioridade”.
E é que para a formación nacionalista a situación que agora denuncia o Alcalde “non é nova, xa ven da etapa de Núñez Feijóo ao fronte da Xunta. Anos de investimentos e proxectos máis que cuestionables e que en ningún caso respostaron ás necesidades reais da cidade”.
Seara pregúntalle a Jácome “onde estaba o Goberno Local cando desde o BNG denunciamos as obras de Marcelo Macías, as do pendenllo da nova estación de buses, as do soterramento da Avda Otero Pedrayo, as da senda peonil de Reza ou máis recentemente as do Estadio do Couto ou sobre a xestión do novo CAPD?” e resposta, “estivo mirando cara outro lado, dando a calada por resposta ou mesmo recepcionando ditas obras sen pórlle un só pero”. O BNG entende que esta situación revela igualmente “o nulo peso político de Jácome diante do resto de institucións”.
Desprezo da Xunta.
A formación nacionalista entende, por outra banda, que a actitude da Xunta de Galiza “é de desprezo absoluto cara a veciñanza da terceira cidade do país. A nós non nos gusta Jácome e a diferenza do PP de Rueda, nós non facilitamos a súa chegada á alcaldía como si fixeron eles tanto en 2019 como en 2023, pero é o Alcalde de Ourense e representa á cidade e ao conxunto da cidadanía, motivo polo que merece o tratamento propio do cargo que ostenta”.