O BNG contradí a Jácome e responsabilízao da anulación do proceso de licitación do contrato de concesión do lixo

IMG_8043
Rhut Reza, Luís Seara e Erea Blanco en rolda de prensa

A formación nacionalista, que tivo acceso ao expediente do proceso, sinala que Jácome sabía das deficiencias dos pregos antes do informe encargado a PwC "pois así o puxeran de manifesto previamente técnicos municipais", sendo a pretensión do Alcalde, que dito informe "validara os pregos e desbotara as deficiencias, algo que non fixo"

 

 

O BNG contradí a Jácome e responsabilízao da anulación do proceso de licitación do contrato de concesión do lixo

Ourense, 17 de febreiro de 2025. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense compareceu esta mañá en rolda de prensa na súa sede da rúa das Burgas para informar sobre os motivos que levaron ao Goberno Local a desistir do procedemento de licitación iniciado a principios de xaneiro para a adxudicación da concesión do Servizo de recollida de residuos e limpeza viaria.

O Portavoz do BNG no Concello Luís Seara, comezou a súa intervención facendo unha breve contextualización sobre o servizo ao longo dos últimos anos desde a adxudicación do anterior contrato en decembro de 2009. Feita a mesma, Seara sinalou que “non é o primeiro contratempo que sufre este Goberno, pois hai apenas dous meses, o Tribunal Administrativo de Contratación de Galiza (TACGal), anulou definitivamente os pregos do transporte público”, e engadiu, “a nós gústanos mergullárnos nos papeis, porque neles sempre se atopan cousas e por iso pedimos acceso ao expediente completo para revisalo, algo que fixemos”.

Pasaron oito anos e o proceso de licitación vén de ser suspendido temporalmente e non será por que non llo advertirán ao Alcalde. E que lle estaban dicindo e quen llo estaba a dicir?. En primeiro lugar, o Interventor, a través dun oficio de devolución, no que puña de manifesto a necesidade de adxuntar a relación de investimentos a realizar polo aduxicatario, de actualizar a Ordenanza municipal, de establecer un marco normativo adaptado á realidade actual, xa que a Ordenanza actual é do ano 1995 e de incluir o 50% para empresas de inserción laboral”.

O Portavoz do BNG deixou claro que en contra do manifestado polo Alcalde nas últimas horas, “como non lle gustou o que lle dixo o Interventor, pediulle un informe á súa consultora de cabeceira PwC, que é a que elaborou os pregos, pensando que lle ía dar a razón, e aquí é onde se produce a gran novidade, dado que é a consultora a que aconsella, cos argumentos do Interventor, parar a licitación”.

E é que segundo sinalan os nacionalistas, no informe elaborado pola consultora, esta asume “case por completo” as teses defendidas pola Intervención. A propia consultora dí que é necesario actualizar a Ordenanza, que o 50% da recollida do textil ten que estar reservada a centros de inserción laboral así como da necesidade de contar previamente con novos colectores de lixo.

Luís Seara quixo facer unha referencia expresa aos novos colectores de lixo. Segundo afirmou, “o 29 de setembro de 2022 a Xunta de Goberno Local, aprobou o expediente para contratar o subministro de contedores de carga lateral e en superficie, destinados á recollida de residuos sólidos urbanos, envases lixeiros, papel-cartón, vidro e biorresiduos, cun orzamento total de 3.498.412,50 de euros”.

Nós opuxémonos porque estimamos que era mellor que fosen parte da licitación e que fora a adxudicataria a que os tivera que mercar, pois xa coñecemos o que aconteceu coa compra dos novos autobuses por parte do Concello, nomeadamente cos Busitos. Concorreron dúas empresas, unha de Ourense e outra de Madrid e o 11 de abril de 2023 adxudícaselle a Contenur S.L.. Levouse a Pleno unha modificación orzamentaria, específica para iso, que non saiu adiante. No 2024 aprobouse de novo en Xunta de Goberno Local esa mesma modificación pero, por unha razón que podo intuír, non se levou a Pleno”.

Retomando o fío, o Grupo municipal do BNG pregúntase o motivo polo cal “continuaron cara adiante, facendo caso omiso as recomendacións dos técnicos e da propia consultora”. E é que varias entidades interpuxeron recurso solicitando a suspensión cautelar do procedemento de contratación, medida aceitada polo TACGal. “A pesares do que dí a consultora, o Alcalde decidiu tirar para adiante coa licitación, sabendo que tiña todas as papeletas para que fora impugnada e quedara en suspenso, como así aconteceu”.

Ante todo o exposto con anterioridade, Luís Seara e o BNG entenden preciso levar a Pleno a “actualización do Regulamento de Servizo de abastecemento de auga e da limpeza viaria e recollida de residuos urbanos xa que semella que o único obxectivo pretendido é o incremento da recadación obviando a máis que necesaria posta ao día da normativa que regulamenta eses servizos”.

A mesma persoa que baixou o IBI, para beneficiar aos grandes tenedores de inmobles, agora quérelle facer pagar o pato á veciñanza, ao ver que está nunha situación límite porque fan falla ingresos” e finaliza, “as consecuencias desta forma de gobernar son obvias e teñen efectos, non soamente económicos pois ahí temos servizos precarios e pagos contiosos ás concesionarias por sentenza xudicial, incluídos xuros, senón tamén sociais, ao termos concesións obsoletas cuxos efectos para a veciñanza son máis que visibles”.

Complexo Bamio e discoteca Macao.

A preguntas dos xornalistas, o Portavoz do BNG sinalou que no referido á frustrada compra no seu día do Complexo Bamio tal e como pretendía o Alcalde, “no BNG xa dixemos daquela que o estado das instalacións e a situación urbanística da parcela na que se ubican imposibilitaba dita compra e visto o visto a día de hoxe, Jácome debe agradecerlle á Oposición que non a validáramos xa que hoxe poderíamos estar todas e todos camiño da Audiencia Nacional”.

En relación á discoteca Macao, adiantou que mañá o BNG levará unha batería de preguntas á Xunta de Área de Urbanismo, non descartando que de non ser atendidas, “adoptemos outras medidas como a de solicitar a creación dunha comisión de investigación”.

O BNG contradí a Jácome e responsabilízao da anulación do proceso de licitación do contrato de concesión do lixo