O BNG rexeita a campaña do alcalde de Ourense na que ofrece 100 euros por censarse no municipio

Luís Seara, Portavoz municipal e candidato á alcaldía

Luís Seara: “estamos diante dunha prácticar caciquil e claramente orientada á compra de votos con cartos públicos por parte do actual Rexedor Gonzalo P. Jácome. Os atractivos que tería que promover o Concello de Ourense para animar á veciñanza a que se cense no municipio deberan ser unha boa calidade dos servizos públicos, dinamización económica e social, programación cultural variada ou boas infraestruturas entre outras, algo que Jácome sabe que logo da súa xestión e a do PP no mandato anterior non pode ofrecer"

O BNG rexeita a campaña do alcalde de Ourense na que ofrece 100 euros por censarse no municipio

Ourense, 13 de outubro de 2022. Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense a campaña lanzada hai uns días polo Concello de Ourense e na que anima á poboación a censarse no Concello ofrecendo como incentivo 100 euros para gastos no comercio local é “claramente unha práctica caciquil e de compra de vontades por parte do alcalde Pérez Jácome”.

Para o Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara, “desde o BNG rexeitamos rotundamente a campaña xa que estamos diante dunha clara práctica caciquil e de compra de vontades e votos por parte do alcalde, o único que realmente lle preocupa”.

Segundo os nacionalistas, outra das cuestións a ter en conta é que co anuncio feito polo concello “corremos o risco de que haxa persoas que se censen no concello, obteñan os 100 euros e ao cabo dun mes ou dunha semanas se volvan a dar de baixa no padrón”.

No BNG entenden que os atractivos que tería que promover o Concello de Ourense para animar á veciñanza a que se cense no municipio deberan ser “unha boa calidade dos servizos públicos, dinamización económica e social, programación cultural variada ou boas infraestruturas entre outras, algo que Jácome sabe que logo da súa xestión e a do PP no mandato anterior non pode ofrecer”.

Seara ten claro ademais que “unha vez máis o alcalde contradise a si mesmo xa que no pasado criticou duramente ao PP por censar a persoas en diferentes concellos previa celebración das eleccións e agora desenvolve a mesma táctica pero neste caso empregando cartos públicos”.

O BNG esixe ao Goberno Local a retirar a campaña de xeito urxente e a deixar de facer demagoxia cos bonos axuda ao comercio local entendendo que as Bases dos mesmos deben establecer un límite temporal para o seu acceso e lembra que o “seu uso partiu dun acordo plenario e da unanimidade da corporación e non da discrecionalidade do alcalde”.

O BNG rexeita a campaña do alcalde de Ourense na que ofrece 100 euros por censarse no municipio