O BNG solicitará recoñecer o dereito de folga das traballadoras adscritas á quenda de oficio e ao servizo de xustiza gratuíta
A formación nacionalista ven de rexistrar unha PNL no Parlamento galego co obxectivo de que a Xunta de Galiza se reúna coa representación das traballadoras en conflito a fin de acadar un acordo para a mellora do servizo e das condicións laborais das profesionais que o prestan
Ourense, 04 de novembro de 2024. A Declaración Universal de Dereitos Humanos e a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea recoñecen expresamente o dereitos de todas as persoas á defensa dos seus dereitos ante un xuíz imparcial, contemplando a propia Carta Europea que, para garantir a efectividade deste dereito, os Estados deberán establecer un sistema de asistencia xurídica gratuíta para todas as persoas que carezan de recursos abondos.
Así comeza argumentando o Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo a Proposición Non de Lei (PNL) que veñen de rexistrar para o recoñecemento do dereito á folga das e dos traballadores da quenda de oficio. O deputado por Ourense Iago Tabarés sinala que “actualmente este servizo estase a prestar polos Colexios Profesionais da Avogacía e da Procuradoría, tanto coa súa propia infraestrutura e organización, como por medio das profesionais que realizan os traballos de asesoramento, asistencia e representación”.
Tabarés lembra que “desde o mes de novembro de 2023 un bo número das avogadas e procuradoras que atenden a quenda de oficio e a asistencia xurídica gratuíta están en folga indefinida pola defensa da dignificación do servizo e da mellora das condicións
profesionais e sociais en que se presta”. Certo é, enuncian no BNG que “na convocatoria de folga o sindicato convocante, indicaba o servizos que, por considerarse esenciais, se seguirían atendendo, sen que conste a existencia de resposta por parte da autoridade laboral”. O exercicio lexítimo do dereito de folga por parte destas profesionais, como anteriormente acontecera coa xudicatura, LAXs e tamén traballadoras dos corpos de xestión, tramitación e auxilio xudicial, “esta a provocar a suspensión dun número importante de xuízos, vistas e dilixencias de distinto carácter que adían a resolución dos procedementos”.
Após máis de 11 meses de conflito a situación é que, o Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Consellaría responsable da xestión da quenda de oficio e da asistencia xurídica gratuíta, “aínda non se reuniu coa representación das traballadoras en folga. A Xunta de Galiza presentou uns orzamentos que non van permitir unha mellora significativa das condicións en que se presta o servizo e a inasistencia a vistas ou xuízos como consecuencia do exercicio lexítimo do dereito de folga esta dando lugar a apercibimentos e mesmo á incoación de procedementos sancionadores contra as profesionais”.
Iago Tabarés entende urxente que “a Xunta de Galiza se reúna coa representación das traballadoras en conflito a fin de acadar un acordo para a mellora do servizo e das condicións das condicións das profesionais que o prestan”.