A Xunta de Goberno Local ratifica o que o BNG ven dicindo a respecto da delicada situación económica do Concello
Tal e como advertiu o BNG no Pleno de onte, o Concello recoñecerá hoxe unha débeda coa empresa do transporte público de máis de 16 millóns de euros. Vaino facer a través de dous puntos da orde do día, nun deles dando conta da sentenza que recoñece a débeda e noutro, cunha modificación de crédito na que se consigna dita cantidade e que ascende a 16.661.861,77 euros
Ourense, 07 de novembro de 2024. No pleno extraordinario celebrado onte no Concello de Ourense no que, grazas á abstención do PP, o Goberno presidido por Jácome conquería aprobar oito modificacións de crédito por un importe superior aos 21 millóns de euros, o Portavoz do BNG Luís Seara, advertía durante a súa intervención da situación de colapso económico absoluto cara onde se dirixe o Concello.
Seara facía unha referencia concreta á situación na que se atopan as concesións administrativas e máis concretamente ás débedas ás que o Concello ten que facer fronte “por mor das continuas reclamacións xudiciais promovidas polas empresas concesionarias pola non actualización de prezos dos servizos que prestan e como consecuencia de ter ditas concesións en precario”. O Portavoz do BNG ía máis alá e aludía directamente aos algo máis de 14 millóns de euros que se lle adebedan a Urbanos de Ourense SL, empresa encargada da xestión do transporte público da cidade.
Como é costume, o Alcalde, moi alporizado, acusou unha vez máis ao Portavoz nacionalista de mentir ou de contar verdades a medias. Segundo Seara, “na réplica, o Alcalde, moi nervioso porque sabe que o que dicimos desde o BNG é rigurosamente certo, tentou primeiro negar a existencia desa débeda para logo enredarse, como é constume nel, e acabar dicindo que si pero que era culpa da non actualización de taxas e de ter impostos moi baixos”.
O certo é que apenas 24 horas despois, na Xunta de Goberno Local prevista para este xoves, o Goberno municipal non soamente recoñecerá unha débeda a 31 de decembro de 2023 coa empresa Urbanos de Ourense SL de 14.698.820,12 euros, senón que aprobará unha nova modificación de crédito, a 25P/2024, por un importe total de 16.661.861,77 euros, dos cales 1.448.508,04 euros correspóndense con xuros de demora.
Para Luís Seara, “evidénciase unha vez máis que no BNG non mentimos, algo que si fai continuamente o Alcalde, pero o certo é que, desta volta, vai ser o propio Jácome quen se desdiga, tendo que recoñecer primeiro a débeda e logo tendo que sometela á consideración do Pleno”.
Seara adianta que “tal e como levamos meses advertindo, a situación económica do Concello está a piques de colapsar. Temos un Concello ao bordo da quebra técnica e onde as reclamacións xudiciais por mor da falta de xestión, de seriedade e de rigor do actual Goberno Local lévanos a que máis da metade do remanente, estea comprometido en débedas, pois coñecemos agora a débeda coa empresa que xestiona o transporte pero descoñecemos a canto ascenden as débedas do resto das concesións”.
O Portavoz nacionalista remata afirmando que “esta situación provocada polo Goberno de DO está sendo refrendada e validada, como puidemos ver onte, por un Partido Popular cómplice da situación actual e responsable do que poida pasar no futuro pois a situación en termos económicos pode estourar en calquera momento”.