O BNG traslada á Fiscalía Xeral do Estado os audios do alcalde do Concello de Ourense Pérez Jácome ao entender que revelan “a presunta comisión de delitos de corrupción”

Luís Seara e Néstor Rego ás portas da Fiscalía Xeral do Estado

Luís Seara, “estamos hoxe aquí para pedirlle á Fiscalía que á vista dos feitos, actúe e o faga con celeridade para evitar que se poidan destruir probas”

Todavía temos moi recentes as imaxes do alcalde e dun dos seus asesores o pasado sábado, saíndo da Concellería de Infraestruturas, de madrugada e cunha mochila cargada non sabemos con qué. Cómpre que a xustiza actúe para evitar un quebranto do erario público e para impedir que a democracia en Ourense se erosione aínda máis”

O BNG traslada á Fiscalía Xeral do Estado os audios do alcalde do Concello de Ourense Pérez Jácome ao entender que revelan “a presunta comisión de delitos de corrupción”

Ourense, 10 de maio de 2023. O pasado sábado o BNG acudía ao Xulgado de Garda logo de que o diario La Región plublicase uns audios nos que o actual rexedor do Concello de Ourense Gonzalo Pérez Jácome pretendía que fose algún empregado público o que se identificase como condutor e polo tanto asumise a autoría da sanción imposta o pasado sábado 3 de setembro, pola noite e nunha rúa de Vigo, ao coche municipal adscrito á alcaldía e que conduce habitualmente o propio alcalde e cuxo importe ascendeu a 1.200 euros.

Pero logo de que nestes días se coñecesen novos audios nos que se fala de branquear cartos, de “mordidas” a empresas concesionarias ou mesmo de cómo recolocar ao persoal eventual nalgunha delas, o BNG decidiu acudir directamente á Fiscalía Xeral do Estado para que esta dea traslado, se así o considera, á Fiscalía anticorrupción.

Ás portas do Ministerio Público, o actual Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara, quen estivo acompañado en todo momento polo deputado do BNG no Congreso Néstor Rego, afirmaba que “estamos hoxe aquí para pedirlle á Fiscalía que á vista dos feitos actúe e o faga con celeridade para evitar que se poidan destruir probas”, e engade, “todavía temos moi recentes as imaxes do alcalde e dun dos seus asesores saíndo da Concellería de Infraestruturas este sábado, de madrugada e cunha mochila cargada non sabemos con qué, cómpre que a xustiza actúe para evitar un quebranto do erario público e para impedir que a democracia en Ourense se erosione aínda máis”.

Seara lamenta que ao longo destes días, “en Ourense sobresaltámonos cuns audios que comprometen ao alcalde, uns audios que deixan ver ás claras prácticas corruptas, de petición de mordidas a empresas que contratan co Concello para financiar ao seu partido, que non é outra cousa que autofinanciarse el”.

Non direi que me sorprende, pero sí que me resulta doloroso ver como a imaxe do meu Concello, da miña cidade, volta verse salpicada por cuestións de corrupción. Esta cuestión parécenos dunha enorme gravidade, suficiente como mínimo, para que Jácome dimitira de forma inmediata”.

Luís Seara insiste no grave de que a día de hoxe, Gonzalo Pérez Jácome siga sendo o alcalde do Concello de Ourense, “resulta lacerante que este personaxe sexa alcalde, pero é alcalde porque o PP, Feijóo e Rueda así o quixeron a pesares de dicir que ía ser letal para Ourense. Somos un Concello maravilloso, de xente hospitalaria e aberta, ao igual que a provincia, pero está nunha situación de emerxencia social e política”.

Desde o BNG sinalan igualmente que “a un alcalde faltón, tirano e que pide mordidas ás empresas, hai que sumarlle un Presidente da Deputación, que dirixe a Institución como se da súa finca particular se tratara. Un Presidente que elude a comparecencia diante da xustiza para evitar que lle apliquen o Código de boas prácticas do PP, e con iso, a súa caída”.

O candidato do BNG ten claro que “a imaxe de Ourense non pode seguir sendo a imaxe de Jácome e Baltar, porque Jácome e Baltar son as dúas caras dunha mesma moeda. DO é a marca branca do PP, da que Jácome é un alumno aventaxado de Baltar pai”. Por este motivo fai de novo un chamamento á veciñanza ao entender que cómpre “rexenerar a política en Ourense. De pasar páxina a corenta anos de nepotismo e clientelismo e catro de dexeneración política e institucional no Concello, agora mesmo, iso é o prioritario”.

 

 

 

 


 

O BNG traslada á Fiscalía Xeral do Estado os audios do alcalde do Concello de Ourense Pérez Jácome ao entender que revelan “a presunta comisión de delitos de corrupción”