A veciñanza de Peliquín, a través do Deputado do BNG Néstor Rego, entrega no Congreso dos Deputados 2.892 sinaturas solicitando o soterramento do paso a nivel
Até o Congreso desprazouse o Presidente da Asociación de Veciños Catro Camiños de Peliquín Ricardo Vázquez, quen acompañado polo actual Portavoz e candidato Luís Seara, e o deputado Néstor Rego, fixo entrega das sinaturas recollidas ao longo das últimas semanas
Ourense, 10 de maio de 2023. A veciñanza de Peliquín leva meses reclamando unha alternativa ao proxecto actualmente previsto de supresión do actual paso a nivel con barreiras existente na rúa Castella Ferrer. Dito proxecto, elimina o paso existente e crea unha pasarela elevada sobre as vías do tren, cunha altura de até sete metros e a uns 400 metros do paso actual.
Ao tempo elimínase o tráfico de vehículos polo que a veciñanza entende que co proxecto previsto “illaríase a todas as veciñas e veciños de Peliquín que perderían a comunicación coa zona de Oira e mesmo co resto da Ponte.
Hai cousa de dous meses, a Asociación de veciños de Peliquín Catro Camiños comezou unha recollida de sinaturas para reivindicar a modificación do proxecto actual e a construción dun paso soterrado, no mesmo lugar no que se atopa o paso con barreiras, tanto para peóns como para turismos.
Ao longo de todo este proceso, a veciñanza contou co apoio e a colaboración do BNG, quen se comprometeu a trasladar ditas reivindicacións ás institucións para tentar que as demandas veciñais fosen atendidas. Así, e tal e como lembrou o candidato Luís Seara, “desde o primeiro momento que tivemos coñecemento da problemática, puxémonos ao carón da veciñanza pois entendemos que o que piden é xusto e está máis que xustificado”.
Seara recordou que “desde o BNG trasladamos este debate ao Pleno do Concello mais tamén ao Congreso dos Deputados a través do noso representante na Cámara baixa Néstor Rego, quen desde o primeiro momento se interesou por esta cuestión, visitando o paso a nivel e reuníndose coa veciñanza para coñecer o caso de primeira man”.
2.892 sinaturas son as que esta mesma mañá, o Presidente da Asociación de Veciños Ricardo Vázquez entregou no Rexistro do Congreso acompañado polo propio Luís Seara e polo deputado Néstor Rego.
Vázquez agarda que “logo da resposta masiva da veciñanza, o ADIF recapacite, atenda as nosas demandas e modifique o proxecto inicialmente previsto. Segundo temos consultado con técnicos e expertos na materia, o soterramento é perfectamente viable polo que non ímos renunciar a el”.