O BNG traslada medidas ao Concello de Ourense para protexer ás traballadoras con reparto de máscaras e luvas
A formación nacionalista propón sistemas de protección de xeito controlado, eficaz e seguro para aqueles que teñan que ir a traballar
O BNG ven de propoñerlle ao cogoberno municipal que exixa á Xunta de Galiza establecer un sistema de acceso aos sistemas de protección dun xeito controlado e seguro. Queren evitar que se produzan aglomeracións ou saídas das vivendas coa finalidade de facerse con eles e garantir que cheguen a todas aquelas persoas que precisan do material.
Tras ter acordado o reinicio da actividade empresarial e industrial por parte do goberno do Estado existiu un acordo para repartir instrumentos de protección entre todas aquelas persoas que empregaran o transporte colectivo. A realidade galega é moi diferente a das grandes cidades do Estado español e o reparto non funciona na meirande parte dos concellos galegos. Por este motivo, a organización nacionalista artellou unha medida para solucionar a desprotección que atravesan milleiros de traballadoras no país similar á que se está realizando noutras comunidades.
“Debe artellarse un sistema de reparto obxectivo e controlado, sen caer en repartos indiscriminados, dado que neste momento non existe material suficiente dispoñíbel para garantir o acceso universal da poboación” sinalou o voceiro municipal do BNG de Ourense, Luis Seara, ademais de sinalar que debe se debe priorizar a necesidade obxectiva do mesmo.
Desde a formación nacionalista emitiron esta proposta ao cogoberno municipal co fin de que insten á Xunta de Galiza, posuidora das competencias en sanidade e saúde pública, a establecer un sistema de acceso aos sistemas de protección- máscaras e luvas fundamentalmente- dun xeito controlado, seguro e evitando que se produzan aglomeracións. “Hai que garantir que cheguen a todas aquelas persoas que precisan deste material para o desenvolvemento da súa actividade vital e laboral de maneira segura” indicaron na organización nacionalista.