Propostas no Concello de Barbadás perante a covid-19
En Barbadás, a formación nacionalista rexistrou varios escritos de solicitudes que contemplan as seguintes medidas:
-
Que o Concello de Barbadás constitúa unha comisión de seguimento da evolución COVID19, con representantes de todos os grupos políticos que forman parte da corporación municipal, que se reúna (virtualmente), como mínimo 3 veces á semana, para tratar temas como a colaboración coas autoridades sanitarias, a atención á cidananía, a evolución da pandemia no concello, aprazamentos e fraccionamentos de taxas, impostos, etc, que fose preciso levar a cabo para os sectores económicos afectados pola crise sanitaria, etc.
-
Que se manteña en funcionamento o Banco Solidario de Barbadás “Teu-meu- noso”, establecendo os mecanismos precisos desde a concellaría de S. Sociais (coordinación do voluntariado que normalmente o atende cos integrantes de P. Civil), para poder atender ás necesidades das familias máis desfavorecidas, coas pertinentes entregas a domicilio se for preciso. Neste sentido deberá incrementarse a partida orzamentaria relativa a este apartado, co conseguinte incremento dos repartos de alimentos, que é vital para as familias máis vulnerábeis.
-
Que o Concello de Barbadás faga un acopio de computadores que están sen usar (obradoiro de emprego, aula de informática do CET, Espazo Infantil, etc) e organize un sistema de empréstito de computadores para estudantes de todas as etapas educativas para facilitar o acceso á teledocencia, garantindo o acceso a internet, naquelas familias que non dipoñan dos mesmos.
-
Articular un servizo de atención a domicilio en convenio cos taxistas e con restaurantes ubicados no concello para servir menús a aqueles domicilios con persoas en especial vulnerabilidade derivada da situación de alarma, por motivos sanitarios, económicos ou problemas de mobilidade.
-
Reforzar as Axudas de Emerxencia Social para evitarmos situacións de exclusión. Polo tanto deberá incrementarse no necesario, a partida orzamentaria adicada para estes fins. Así mesmo deben axilizarse e flexibilizarse os trámites burocráticos para que a xente que o precisa poida ter a súa disposición estas axudas no menor tempo posíbel.
-
A concreción dun Plan de aprazamento, fraccionamento ou condonación (ata onde a lexislación permita) dos impostos, recibos e taxas en función das situacións concretas de cada persoa ou empresa. Seguindo estos mesmos criterios para o aprazamento da taxa de recollida de lixo comercial ás actividades pechadas, así como de todos aqueles impostos municipais pendentes de pasar o cobro. Para o que procede levar a cabo as xestións pertinentes no Servizo Provincial de Recadación da Deputación Provincial de Ourense.
-
Que durante o ano 2020 non se lle cobre aos/ás autónomos/as e pequenos/as empresarios/as con domicilio fiscal no concello os impostos de competencia municipal e as taxas e prezos públicos de servizos privatizados como o Abastecemento e Saneamento da Auga e a Recollida do Lixo.
-
Establecer un Protocolo de “recollida de lixo e carriño da compra a domicilio” para posibeis doentes positivos por coronavirus.
-
Establecer un Protocolo de atención e seguimento a vítimas de violencia de xénero durante o período de confinamento.
-
Posta en marcha, desde a Concellaría de Servizos Sociais, dun Programa de Acompañamento Telefónico ás persoas da terceira idade e a aquelas que se consideren mais vulnerábeis.
-
Que se establezan os mecanismos de comunicación pertinentes coas distintas residencias de maiores ubicadas no noso concello, sexan de titularidade pública ou privada, para coñecer no día a día as distintas problemáticas que poidan ter, dándolles unha solución acaída, en colaboración coa Xunta de Galiza, e garantindo a saúde das persoas residentes e dos traballadores e traballadoras.
-
Elaborar un Plan de Reactivación Económica para os sectores máis afectados pola crise do coronavirus, que contemple:
-
A asignación a fondo perdido para autónomos, e pequenos/as empresarios/as (empresas de menos de 10 traballadores/as) dunha cantidade de 1.000 €, de maneira lineal, para quen teña o seu enderezo fiscal en Barbadás e se vise obrigado ao peche da súa actividade comercial ou produtiva.
-
Demandar a eliminación urxente da regra de gasto, a obrigatoriedade de realizar un plan económico financeiro, os obxectivos de déficit e os límites de endebedamento dos Concellos, que permitan a toma de medidas económicas excepcionais derivadas do estado de alarma decretado.
-
-
Que o Concello de Barbadás suspenda o cobro do canon das concesións das cafeterías de titularidade municipal, A Solaina, Parque dos Patos e As Piscinas, mentres se vexan na obriga de permanecer pechadas e sen actividade.
-
A empresa ourensá VIRTOU maifestou a súa intención de colaborar co Concello de Barbadás na loita contra o coronavirus, fabricando pantallas protectoras contra o contaxio, que realizará de maneira altruísta e gratis para o concello. Solicitan, unicamente, que o concello de Barbadás lles aporte o material necesario. Polo anteriormente exposto, SOLICITAMOS que o Concello de Barbadás se poña en contacto coa empresa VIRTOU e colabore na fabricación destas pantallas protectoras que tan necesarias son para evitar a propagación da enfermidade.
-
Crear un apartado na web municipal chamado “CORONAVIRUS” no que se informe de todas as novas, medidas e recomendacións relativas ao coronavirus (medidas sanitarias, sociais e económicas).
-
Habilitar na páxina web municipal unha ligazón que permita a aquelas familias que puidesen quedar hoxe nunha situación precaria derivada desta crise (desempregados, perdida de ingreso, economía somerxida, etc) ter acceso ao Banco Solidario de maneira inmediata, mentres continúe as consecuencias do estado de alarma e confinamento, eliminando todos os procesos administrativos e burocráticos requeridos anteriormente.
-
Que desde o concello se oferte, mediante bandos informativos, a posibilidade da elaboración de solicitudes de axudas económicas directas a persoas afectadas e necesitadas.
-
Dotar dos oportunos EPI’S a todo o persoal municipal que desenvolvan labores en contacto co público.
-
Que se manteñan e axilicen as distintas subvencións municipais relativas á cultura, educación, AVVs, deportivas, para que os distintos colectivos poidan acollerse a elas o máis axiña posíbel.
-
Que se manteñan e axilicen todos os convenios asinados coas distintas asociacións municipais.
-
Que se continúe, mentres se manteña o estado de alarma, co baldeo das calzadas de titularidade municipal, das beirarrúas e a desinfección e fumigación do mobiliario urbano, sendo mais exhaustivos estos traballos nas inmediacións do Centro de Saúde, supermercados, tendas de alimentación e farmacias. Para a realización dos mesmos deberán traballar coordinados os voluntarios de P. Civil e os integrantes da U.M.E. desprazados na contorna.