O BNG trasladará ao Pleno do Concello as demandas e reivindicacións da veciñanza do barrio de Vistafermosa
Desde a formación nacionalista sinalan que “hai anos que a veciñanza ven reivindicando unha serie de melloras no barrio que respostan a necesidades básicas e que por desgraza a día de hoxe seguen sen estar resoltas pero que de executarse, contribuirían á mellora da calidade de vida das veciñas e veciños”
Ourense, 30 de xullo de 2024. O Pleno do Concello de Ourense correspondente ao mes de agosto abordará, da man do BNG, as demandas e reivindicacións da veciñanza do barrio de Vistafermosa e que a día de hoxe seguen sen atopar solucións por parte do actual Goberno Local. O Portavoz nacionalista Luís Seara sinala que “dentro do diálogo que mantemos de xeito constante coa veciñanza parte esta moción, co obxecto de que as reivindicacións, neste caso de Vistafermosa, sexan atendidas dunha vez por todas”.
Seara lembra que no Pleno celebrado o pasado 13 de xaneiro de 2023 e a petición dos nacionalistas, “solicitouse a prolongación da rúa Xoan Vicente Viqueira co obxecto de crear un novo vial de acceso ao barrio e contribuir deste xeito á mellora da mobilidade”, e engade, “dita moción foi aprobada por unanimidade dos membros da Corporación pero certo é que, desde entón, nada sabemos sobre a execución da mesma, situación que indigna á veciñanza”.
Pero a apertura dun novo vial que permita unha mellora substancial na mobilidade non é a única reivindicación efectuada ao longo dos últimos anos. Algunhas delas correspóndense con proxectos de certa envergadura mais o certo é que, tal e como sinala Seara, “a maior demanda ten que ver co mantemento das zonas verdes e coa mellora e reposición de elementos do mobiliario urbano, é dicir, cuestións básicas pero que pola contra non son atendidas nin en tempo nin en forma”.
Na moción rexistrada, o BNG solicitará o apoio do resto dos Grupos municipais para instar ao Goberno Local á redacción e execución dos proxectos necesarios e conducentes á mellora das infraestruturas, do parque infantil, das zonas verdes e dos servizos públicos dependentes do Concello no barrio. Igualmente solicitarán levar a cabo todas e cantas xestións sexan precisas diante do MITMA co obxectivo de acometer a construción dun aparcadoiro nos terreos situados debaixo do viaduto da N-525 e o ramal da OU-11 así como para dirixirse á Xunta de Galiza e solicitar a reforma integral do tramo da OU-413 comprendido entre a Avda Ribeira Sacra e a entrada do Seminario.
Tal e como sinala o Portavoz do BNG Luís Seara, “Ourense é moito máis co centro da cidade, as veciñas e veciños de Vistafermosa ao igual que as veciñas e veciños do resto de barrios, merecen o mesmo trato e disfrutar dos mesmos servizos independentemente da zona na que vivan”.