O BNG trasladará ao Pleno de novembro as eivas e o fracaso das modificacións de Jácome no transporte público

Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco
Rhut Reza, Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco

Despois da entrada en funcionamento o pasado día 16 de setembro e trascorrido máis dun mes desde entón, o BNG ten claro que os continuos cambios e axustes levados a cabo evidencian que a proposta inicial “foi un absoluto fracaso”

O BNG trasladará ao Pleno de novembro as eivas e o fracaso das modificacións de Jácome no transporte público

Ourense, 29 de outubro de 2025. O 16 de setembro do presente ano, foi a data escollida polo Goberno Local para implementar o novo mapa de liñas, horarios e paradas do Servizo de transporte público colectivo de viaxeiros. Un dos Servizos esenciais do Concello e dos que maior incidencia ten na veciñanza. O Servizo pasou de 33 liñas a 16 co obxectivo, segundo o propio Executivo local, de optimizar e operativizar mellor os recursos, para un axuste horario que permitise rematar cos incumprimentos nesta materia e para comunicar aquelas zonas e centros de interese que até entón permanecían illados.

Desde o Grupo municipal do BNG sinalan que ao longo de todo este tempo “mantivemos unha actitude crítica pero ao mesmo tempo de prudencia. Manifestamos o noso desexo de que esta proposta mellorara o que había pero amosamos o noso escepticismo e anticipamos o que ía acontecer”.

Luís Seara, Portavoz nacionalista engade que “desde ese día 16 de setembro, a incertidume creada na veciñanza, a falta de diálogo co tecido social, a falta de información, a inexistencia de informes técnicos que avalaran a proposta, os cambios continuos antes e despois da entrada en vigor, unido a que non se fixo unha proba previa para detectar as posibeis disfuncións e, en consecuencia, facer os necesarios reaxustes, situounos no peor escenario posíbel. Á vista dos feitos podemos dicir con rotundidade que a proposta inicial do Alcalde foi un absoluto fracaso”.

Para o Portavoz do BNG a resposabilidade é clara. “Esta situación ten un único responsable, o actual Rexedor Gonzalo Pérez Jácome, quen asumiu en primeira persoa as modificacións e quen se empecinou en trocar a totalidade do mapa de liñas cando o único que tiña que facer, ao noso entender, eran axustes e correccións no mapa actual”.

Para a Formación nacionalista, “desde o primeiro día, evidenciouse que o novo modelo afondou en problemas que estaba previsto resolver, é dicir, afondouse nos incumprimentos dos horarios e no exceso de aforo pola falta de capacidade dos vehículos, alén de que algúns dos percorridos estabelecidos provocan, debido á súa extensión, que as condutoras e condutores rocen o exceso máximo permitido de condución, fixado nas nove horas”.

Outra das principais demandas, segundo sinalan desde o BNG “ten que ver co feito de que co novo mapa de liñas, hai barrios e núcleos poboacionais do Concello que directamente quedaron sen Servizo. O exemplo máis claro e evidente é o de Peliquín”.

Outro elemento a ter en conta para Luís Seara ten que ver coa xestión comunicativa levada a cabo en todo este proceso. “A incertidume por non coñecer os cambios que se ían facendo até apenas horas antes de producirse ou o feito de que a información non figurase nas canles oficiais do Concello de Ourense como debera ser preceptivo e polo tanto a veciñanza tivera que acudir ás redes sociais persoais do Alcalde, evidencian a falta total e absoluta de respecto e unha nula capacidade de xestión, por non falar da patrimonialización que se pretende facer do propio Concello por parte de quen, na actualidade, exerce as funcións de Alcalde”.

Por todo o anterior e por algunha cuestión máis que o Grupo municipal do BNG afirma “abordaremos no debate plenario” é polo que pedirán o apoio do resto de membros da Corporación para:

1. Instar ao Goberno Local do Concello de Ourense a dotar de Servizo de transporte público colectivo de viaxeiros a aqueles barrios e núcleos poboacionais que como consecuencia dos cambios introducidos o pasado día 16 de setembro, perderon o mesmo, nomeadamente en Peliquín.

2. Instar ao Goberno Local do Concello de Ourense a empregar como canles oficiais de comunicación, as canles e redes sociais institucionais do Concello para garantir o acceso libre e universal á información por parte da veciñanza.

3. Instar ao Goberno Local do Concello de Ourense á convocatoria urxente dunha reunión de traballo á que sexan citadas as Portavocías dos Grupos municipais, representantes de colectivos veciñais e representantes dos traballadores e traballadoras do Servizo co obxectivo de avaliar a situación actual e acordar novas medidas correctoras, de ser preciso.

O BNG trasladará ao Pleno de novembro as eivas e o fracaso das modificacións de Jácome no transporte público