O BNG urxe ao Goberno Local a retomar os cursos de perfeccionamento de natación para a rapazada, eliminados actualmente da oferta do Pavillón dos Remedios
Rhut Reza: " foron eliminados sen previo aviso, porque no díptico informativo seguen aparecendo, pero cando as nais e pais van inscribir as súas fillas e fillos, ao chegar ao mostrador, son informados de que a foron suprimidos"
"solicitamos a reapertura aos abonados da piscina Rosario Dueñas en horario de tarde, concretamente entre as 17:00 e as 20:00 horas"
Ourense, 06 de setembro de 2021. Esta mañá compareceu ás portas do Pavillón dos Remedios o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, o motivo, tal e como explicou a concelleira Rhut Reza, quen forma parte tamén do Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes era denunciar o feito de que "calquer neno ou nena que aprendera a nadar nos cursiños do CMD e queira perfeccionar a súa técnica durante 3-4 meses, non vai poder facelo porque o actual goberno Local eliminou os cursiños de natación de perfeccionamento para crianzas".
No BNG lembran que o CMD sempre tivo unha oferta pública formativa de cursiños de natación estruturada en nivel iniciación e nivel perfeccionamento, mais, segundo Rhut Reza, "o grupo de goberno aproveitou a COVID-19 para eliminar os cursiños do segundo nivel".
Reza lembrou que "hai uns meses Jácome comprometérase a mantelos, mais o certo é que tanto el como o actual concelleiro de deportes Mario Guede, eliminaron a oferta de cursiños do nivel de perfeccionamento para as cativas e cativos". E engade, "no caso dos adultos, só se oferta en horario de mañá e ningún en horario de tarde".
Dita eliminación realizouse sen previo aviso e desde o BNG mesmo advirten de que nos dípticos informativos do CMD aínda figuran. "Cando as nais e pais acoden para inscribir aos seus fillos e fillas, ao chegar ao mostrador logo de agardar a cola, atópanse con que foron eliminados, tendo que acudir á oferta privada facendo un desembolso a maiores de 20 € ao mes".
No BNG afirman que "se é por falla de persoal, xa que nos últimos anos houbo cinco xubilacións de monitores que non foron cubertas, urximos ao grupo de goberno a cubrir as xubilacións dos últimos anos e garantir o persoal tanto de socorristas como de monitores para que se poidan realizar os cursiños de natación de perfeccionamento".
Desde o BNG solicitan tamén a abrir a piscina Rosario Dueñas aos abonados do Pavillón en horario de tarde, concretamente entre as 17:00 e as 20:00 horas xa que actualmente nesta franxa horaria permanece pechada para eles.