O BNG urxe medidas que eviten a crecente conflitividade e os incidentes que se están a producir na zona histórica de Ourense e cuestiona o "mangueirazo", método empregado polo Goberno Local
Os nacionalistas elevan a cuestión e pregúntanlle ao Goberno Galego se considera que o baldeo indiscriminado con auga é a medida máis acaída para evitar posíbeis incidentes no zona histórica de Ourense ou, no seu caso, que outras alternativas valora a Xunta de Galiza
Ourense, 02 de setembro de 2021. Dende hai uns meses a zona histórica de Ourense ven sendo escenario de numerosas liortas e trifulcas, que nalgúns casos teñen carácter colectivo e que, ás veces, provocan lesións, se ben a práctica totalidade destas revisten, afortunadamente, carácter leve.
Para o Grupo Parlamentar do BNG, o incremento do número de incidentes e o alcance dalgúns destes "están a perturbar a normalidade nunha cidade tradicionalmente tranquila e de escasa conflitividade". Para Iago Tabarés, "a viralización dalgún destes comportamentos están a xerar unha lóxica inquedanza tanto na veciñanza como nos establecementos de restauración e ocio que, na práctica totalidade dos casos, cumpre fielmente coas restricións e limitacións que se impoñen".
O BNG cuestiona que as medidas aplicadas polo Goberno Local para previr este tipo de altercados, "consisten exclusivamente en arroxar indiscriminadamente auga ás persoas que se encontran nas rúas, algo que lonxe de evitar posíbeis incidentes está a supor unha fonte adicional de conflito".
O deputado Iago Tabarés pon tamén o foco no feito de que a ausencia de alternativas culturais e de ocio, xunto coa escaseza de elementos preventivos e mesmo disuasorios é, sen dúbida, "un factor coadxuvante ao incremento das concentracións e da conflitividade".
E por iso que, ante a ausencia dunha resposta acaida por parte do Goberno Local, desde o Grupo Parlamentar do BNG veñen de plantexar ao Executivo Galego se ten coñecemento da existencia dun incremento de incidentes no casco histórico da cidade de Ourense.
Igualmente no BNG queren saber se a Xunta de Galiza considera que para a prevención dos mesmos a alternativa máis acaida é arroxar auga ás persoas que se atopan nas rúas da zona histórica e en todo caso, como valora a utilización desta medida e os efectos que está a producir.
Finalmente o BNG pedirá que o Parlamento de Galiza inste á Xunta a incrementar a oferta cultural e lúdica no Concello de Ourense, así como das medidas de seguridade que contribúan a evitar a proliferación de altercados na cidade, algo que tamén fará o Grupo Municipal no Concello de Ourense pero dirixíndose neste caso ao propio Goberno Local DO-PP.