O BNG instará en pleno ao goberno Local a captar Fondos europeos para proxectos estratéxicos de Ourense
O Grupo Municipal do BNG ven de rexistrar unha moción na que solicitarán optar aos Fondos Europeos para a Recuperación con proxectos vinculados á mobilidade e ao comercio local.
Ourense, 30 de agosto de 2021. O vindeiro 30 de setembro de 2021 finaliza o prazo para a presentación de proxectos á primeira convocatoria dos fondos de recuperación europea Next generation, e máis concretamente, á convocatoria aberta polo Ministerio de Transportes e Mobilidade para capitais de provincia e cidades de máis de 20.000 habitantes.
Desdeo BNG lembran que o Goberno do Estado e os concellos veñen de acordar os criterios para a repartición de algo máis de 8 mil millóns de euros, dos 70 mil millóns comprometidos a través dos mencionados con anterioridade, Fondos Next Generation, coloquialmente coñecido como Plan de recuperación. Entre os plans obxecto de subvencións, destacan dous que a xuízo dos nacionalistas, resultan de gran interese, tanto pola tipoloxía como pola situación actual do noso concello. Falan do Impulso á sustentabilidade por unha banda e liñas de apoio ao comercio local por outra.
O primeiro dos proxectos abre aos concellos o reparto de 1.000 millóns de euros, destinados a catro obxectivos: Implementación de baixas emisións, Mobilidade activa, Transporte público, renovación de flota de autobuses e Impulso á dixitalización dos servizos públicos de transporte.
Outro proxecto de gran interese para o concello, polo peso que ten nosa na economía, son as subvencións dirixidas ao comercio local. Estamos a falar de 415 millóns de euros a través de 3 liñas.
Desde o BNG, recordan que en decembro de 2020 rexistraron unha moción relativa a creación da mesa para a recuperación económica e social de Ourense e para a elaboración dun plan consensuado de recuperación socio-económica do concello na que participen todos os sectores da sociedade e no que se concreten os proxectos de cidade que poderían optar a ditos fondos europeos de recuperación.
No BNG entenden que o Concello de Ourense non debe deixar pasar a oportunidade de optar a estes fondos, e por iso, solicitarán do pleno os seguintes acordos:
1. Instar ao Goberno Local do Concello de Ourense á convocatoria urxente da mesa pola mobilidade a fin de poder estudar os proxectos que dentro deste ámbito, poderían optar aos fondos que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ven de por en marcha e no que se mobilizan un total de 1.000 millóns de euros.
2. Instar ao Goberno Local do Concello de Ourense a convocar con carácter de urxencia ao sector do comercio local do concello para estudar e avaliar os proxectos que dentro do seu ámbito, poidan ser obxecto dos fondos europeos para a recuperación.
3. Instar ao Goberno Local do Concello de Ourense á convocatoria urxente da mesa para a recuperación económica e social co obxecto de avaliar e definir os proxectos de cidade que poderían ser obxecto de financiamento por parte dos Fondos europeos para a recuperación.