O BNG urxe retomar o diálogo e as negociacións para desbloquear a situación da Praza de Abastos nº1 de Ourense
A través dunha iniciativa parlamentar, e logo de coñecer a recente resolución xudicial, a Formación nacionalista quere impulsar o diálogo e as negociacións entre as administracións atinxidas e a Asociación de Comerciantes “co único obxectivo de acadar un acordo que permita desbloquear a situación, liberar a Alameda e ocupar o edificio rehabilitado”
Ourense, 26 de febreiro de 2026. Logo de coñecerse a resolución xudicial da Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia de Ourense na que se acorda a suspensión cautelar do requirimento municipal de abandono do espazo ocupado actualmente polas praceiras e praceiros na Alameda do Concello, o BNG entende preciso retomar as negociacións entre administracións e comerciantes co obxecto de desbloquear a situación.
O deputado nacionalista Iago Tabarés é claro ao afirmar que ”o auto xudicial sinala expresamente que a execución do desafiuzamento suporía a paralización inmediata da actividade económica das persoas comerciantes, dado que o edificio da Praza non está en condicións de ser ocupado e recoñece que a ocupación da Alameda non foi arbitraria, senón resultado dun acordo previo entre as partes”.
Tabarés engade que “esta realidade evidencia que, a día de hoxe, non existen condicións materiais para o traslado da actividade comercial ao edificio rehabilitado, perpetuándose unha situación que prexudica ás persoas comerciantes que viven nunha incerteza permanente e ao conxunto da cidadanía, privada tanto do uso pleno da Alameda como dun mercado municipal plenamente operativo”.
Esta situación supón, para o BNG, “enormes prexuízos económicos e sociais provocados pola nefasta xestión municipal. As limitacións que supón a privación á cidadanía de espazos públicos, a paralización do necesario desenvolvemento dunha das zonas máis relevantes da cidade, exixe da inmediata e transparente intervención das Administracións Públicas para pór fin ao caos que se está a vivir na Praza de Abastos e a súa contorna”.
Motivado polo anterior é polo que o deputado Iago Tabarés instará unha vez máis no Parlamento de Galiza a que “con carácter urxente e con plena transparencia e publicidade, se active un proceso de diálogo e negoaciación con todas as administracións atinxidas así como coa Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos número 1 de Ourense ao obxecto de acordar as actuacións necesarias para adecuar o edificio da Praza de Abastos ao seu uso comercial e social, establecendo os compromisos concretos de financiamento e os prazos de execución que garantan a súa efectiva posta en funcionamento”.
No BNG tamén entenden necesario artellar canto antes o procedemento para o traslado ordenado das comerciantes ás novas instalacións, coa correspondente recuperación da zona verde da Alameda para o uso e desfrute público, así como levar a cabo as intervencións precisas para mellorar a accesibilidade, acondicionar comercialmente o exterior do edificio e completar a urbanización da contorna consonte ao proxecto orixinal, asumindo os compromisos orzamentarios necesarios e fixando un cronograma claro para o seu desenvolvemento.