O BNG pedirá a comparecencia dos técnicos municipais na Xunta de Área deste vindeiro martes para clarexar todas as dúbidas arredor das obras na rúa Pena Trevinca
O Grupo municipal do BNG entende preciso que os técnicos encargados do arranxo da rúa, consecuencia do afundimento do firme, expliquen o acontecido e os traballos que se están executando ao tempo de clarexar todas as dúbidas existentes e que están a xerar moita preocupación entre a veciñanza da zona
Ourense, 21 de febreiro de 2026. Desde o pasado 27 de xaneiro e como consecuencia do afundimento de parte da calzada, a rúa Pena Trevinca, unha das máis transitadas da cidade, permanece pechada ao tráfico. O Goberno local estimou o tempo necesario para a súa reparación e reapertura en dous meses, prazo que, para o BNG antóllase difícil de cumprir. Porén a maior preocupación da veciñanza na zona nestes momentos está nas consecuencias que dito afundimento puidera estar provocando nos edificios próximos ao mesmo.
Tal e como sinala o Portavoz do BNG no Concello de Ourense Luís Seara, “é moita a veciñanza da rúa a que se ten posto en contacto con nós nos últimos días para amosar a súa preocupación sobre o acontecido, sobre os traballos que se están executando e sobre a afectación que puidera existir en garaxes, baixos ou mesmo na cimentación dalgunha das edificacións” e engade, “o Goberno Local non ofrece ningún tipo de información, o que acrecenta a rumoroloxía e a preocupación entre as veciñas e os veciños”.
Motivo do anterior é polo que desde o Grupo municipal do BNG anuncian que solicitarán ao Concelleiro delegado de Urbanismo, Infraestruturas e Servizos urbanos, Francisco Lorenzo que na Xunta de Área prevista para o vindeiro martes, 24 de febreiro “comparezan os técnicos que están a fronte desta obra para explicar que foi o que aconteceu, en que consisten os traballos de reparación e as posibles afectacións que se puideran ter producido en baixos e garaxes”.
Seara entende preciso que, ao tempo, “os Grupos da Oposición poidamos trasladarlle aos técnicos todas as dúbidas que temos e que nos traslada a veciñanza e que estas sexan aclaradas e mesmo, se é preciso, desmentidas no caso de que haxa informacións incorrectas ou directamente falsas”.
“Compre actuar coa máxima transparencia e ofrecer toda a información posible co obxectivo de tranquilizar á veciñanza da zona e para evitar que continúen as especulacións que o único que fan é xerar medo e desasosego. Agardamos que a nosa petición sexa atendida polo Goberno Local pois o único que pretende é tirar luz sobre as moitas dúbidas existentes a día de hoxe”.