O BNG valora positivamente a rectificación da Xunta e se decidise a aumentar o número de liñas de transporte público da comarca de Celanova e Baixa Limia

Puga, Alvaro, alexandra, laura perez, noa presas, iago tabares, maria mangana. Galiza Nova rexistra máis de medio milleiro de sinaturas para solicitar unha mellora do transporte público entre as comarcas de Celanova e da Baixa Limia e Ourense (decembro 2024)

O grupo provincial do BNG de Ourense valora positivamente a rectificación parcial da Xunta e lembra que foi a mobilización social e institucional do nacionalismo a que puxo o foco na situación de abandono do transporte público nas comarcas de Celanova e a Baixa Limia

O BNG valora positivamente a rectificación da Xunta e se decidise a aumentar o número de liñas de transporte público da comarca de Celanova e Baixa Limia

O grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense amósase satisfeito porque a Xunta de Galiza comece, aínda que timidamente, a rectificar e adoptar medidas que  van na dirección de mellorar a conectividade en transporte público entre as comarcas de Celanova e a Baixa Limia coa cidade de Ourense e coa comarca entre si. Un paso que, segundo sinalan desde o BNG, responde ás demandas que o nacionalismo vén formulando nos últimos meses tanto no ámbito institucional como na rúa.

Neste sentido, os nacionalistas lembran que en decembro de 2024 o grupo provincial do BNG presentou unha moción na Deputación de Ourense na que se alertaba da situación de illamento que sufrían estas comarcas, e se reclamaban medidas concretas e urxentes para garantir un servizo público de transporte digno, funcional e adaptado ás necesidades da veciñanza, tanto no que atinxe a horarios como a frecuencias e conexións.

Ademais da acción institucional, o BNG salienta o traballo desenvolvido desde a organización xuvenil Galiza Nova, que durante máis dun mes levou a cabo unha intensa campaña de recollida de sinaturas nos concellos afectados e trasladou directamente as súas demandas á Xunta de Galiza. A campaña contribuíu a visibilizar unha problemática que, durante anos, foi ignorada.

 “A situación que denunciamos tiña e ten un forte impacto na calidade de vida da veciñanza, que ve como acudir a unha cita médica, estudar ou traballar en Ourense é unha odisea sen alternativa real ao vehículo privado”, explican desde o BNG, e subliñan que a medida anunciada pola Xunta é positiva, pero insuficiente, xa que non aborda de maneira integral os problemas estruturais do sistema de transporte público interurbano nestas comarcas.

Por todo isto, desde o BNG comprométense a seguir traballando para que se atendan todas as demandas formuladas, tanto desde a institución provincial como polos movementos sociais e veciñais, coa vista posta nun modelo de mobilidade xusto, sustentable e pensado para as persoas, especialmente para a mocidade e a poboación maior, que máis sofre esta carencia de servizos públicos básicos.

O BNG valora positivamente a rectificación da Xunta e se decidise a aumentar o número de liñas de transporte público da comarca de Celanova e Baixa Limia