BNG e veciñas de Seixalbo, Velle e Santa Cruz piden a retirada do Plan de Estradas da Xunta
O Grupo Municipal do BNG pedirá no vindeiro pleno a modificación do Plan Sectorial da Rede Viaria aprobado pola Xunta no mes de xaneiro.
A concelleira, Susana García, explicou que o plan estivera en exposición pública durante dous meses pero sen a planimetría co que as persoas interesadas non podían consultar qué vivendas e qué terreos concretos se ían ver afectados. A isto hai que sumarlle o agravante de que os veciños e veciñas non foron informados nin por parte da administración galega nin, no noso caso, do Concello de Ourense.
Si grave é a actitude por parte da Xunta non o é menos a do grupo de goberno de Ourense que presentou alegacións ao citado plan sen informar nin consensuar cos afectados as propostas formuladas. Lembramos que os grupos da oposición coñeceron o día anterior ao pleno celebrado en maio esas alegacións e que a concelleira Áurea Soto pretendía a súa aprobación por parte dos outros grupos.
Ademais da supresión dos trazados rexeitados polos veciños, o BNG tamén esixe a apertura dun novo período de alegacións para que as persoas que acaban de ter coñecemento de que o plan lles afecta poidan alegar ou propór incluso trazados alternativos.
Na presentación da moción acompañaron ao grupo municipal os representantes veciñais das zonas máis afectadas, a saber, Velle, Santa Cruz de Arrabaldo e Seixalbo quenes amosaron o seu agradacemento ao BNG por ter sido a única forza política preocupada polo tema e a través da cal tiveron coñecemento do plan da Xunta.
Claudio Añel, presidente da AVV de Velle, apuntou que esta rede viaria divide ao pobo en dous, afecta a moitos terreos e de levarse a cabo terían que derrubar 12 vivendas. Manifestou o grande descontento dos veciños e veciñas e dixo que os do concello terían que informar desto e senón que collan as maletas e andando.
Pola súa banda, Manuel Fernández, presidente da Asociación San Vitoiro de Santa Cruz manifestou non entender por qué a Xunta volve aprobar un trazado que foi denunciado no 2003 polos veciños e veciñas e declarado ilegal polo TSXG e o Tribunal Supremo. Dixo estar cansos de loitar contra a Xunta a quen non lle importa o que din os tribunais e esixíulle a Núñez Feijóo que retire o plan contra o que xa loitou Santa Cruz cando Feijóo era conselleiro de Política Territorial no ano 2003.
Por último, Juan Antonio Cid, presidente da AVV de Seixalbo tamén pediu a retirada do plan por inexecutábel xa que as estradas proxectadas non solucionan nen melloran os problemas de tráfico que poida haber na zona.
Mágoa que a moción non poida ser presentada hoxe por rexistro, porque está pechado pola celebración da Santa Rita. A administración local é a única que se permite o luxo de sumar un día libre aos xa dispostos por lei para todos os traballadores e deixar aos cidadáns indefensos ante o peche de todas as instalacións administrativas.
Ourense, 22 de maio de 2013