O BNG PIDE QUE SE LEVEN AO PRÓXIMO PLENO OS ACORDOS DA COMISIÓN OURENSÁ DE DESAFIUZAMENTOS

O BNG PIDE QUE SE LEVEN AO PRÓXIMO PLENO OS ACORDOS DA COMISIÓN OURENSÁ DE DESAFIUZAMENTOS

O Grupo Municipal do BNG vén de solicitar que se presente xa no pleno do mes de xuño o documento elaborado pola Comisión Especial de Desafiuzamentos que, no marco do Pacto Cívico, vén traballando en diversas reunións para pór enriba da mesa medidas que axuden a reducir o impacto dos dramas dos desafiuzamentos e propondo alternativas concretas para as familias que necesitan apoio económico, social ou psicolóxico.

Esta comisión, creada a instancias do Bloque, e que recolle no documento moitas das propostas nacionalistas presentadas tanto no Concello de Ourense como no Parlamento de Galiza, solicita da administración local, entre outras cousas, a elaboración dun rexistro das persoas afectadas polo impago das hipotecas ou alugueres, que nos orzamentos se consigne unha partida para a atención das persoas afectadas , que nos casos en que as familias afectadas precisen facer mudanzas o concello poña a disposición un vehículo para tal fin ou que se realice un seguimento e un acompañamento das persoas afectadas nas súas xestións cos bancos e empresas de servizos.

Asemade, a comisión tamén chegou a compromisos con varias entidades e colectivos profesionais que melloran en grande medida a situación a que se ven abocadas as familias desafiuzadas.

O BNG solicitou xa á Concelleira de Benestar, que asiste á comisión, que se comecen a pór en marcha compromisos reais do Concello coas afectadas evitando o retraso que supón que o fagan após a súa aprobación en pleno. A concelleira ten mecanismos que pode pór en marcha de inmediato e que dependen únicamenta da vontade política.

Xúntase deseguido o documento que o BNG quere que se presente no vindeiro pleno e que con toda seguridade será aprobado ao estar representados todos os grupos na comisión que traballou na súa elaboración.

O BNG PIDE QUE SE LEVEN AO PRÓXIMO PLENO OS ACORDOS DA COMISIÓN OURENSÁ DE DESAFIUZAMENTOS