Un concerto para reivindicar a apertura do Espazo Lusquiños
Cun concerto reivindicativo, coa participación do grupo musical Malheira, o BNG quer denunciar, máis unha vez, a incapacidade do goberno socialista para abrir a Casa da Mocidade. O BNG que pregunta pola apertura da Casa da Mocidade Espazo Lusquiños - en todos os plenos celebrados no Concello de Ourense dende a súa saída no goberno a finais de 2012, quixo realizar unha actividade musical simbólica ás portas dos catro locais de ensaio listos para usar e que acumulan pó no interior da Casa da Mocidade.
As obras remataron hai xa 3 anos cun investimento de 670.000 e daquela o BNG, como responsábel da área de Xuventude, concebira este espazo como un lugar de encontro, lecer e formación para que as mozas e mozos da cidade contaran con alternativas de ocio.
En xuño do 2013 aprobóuse en pleno o regulamento que obrigou a abrir o prazo para que os grupos solicitaran o uso dos locais de ensaio na súa primeira quenda. Varios grupos fixeron as inscripcións pero a falla de persoal impide abrir as instalacións e a Casa da Mocidade segue pechada, sen que o goberno da cidade lle dea solución a curto ou medio prazo.
Para o BNG a solución pasa pola reorganización da Relación de Postos de Traballo que permita adscribir persoal a estas instalacións municipais, proposta que xa lle fixemos ao alcalde propondo que se convocase un concurso de traslados ou adscripción de persoal que solicita segunda actividade. En ningún caso, apoiaremos a privatización do servizo como insinuan querer facer agora dende o grupo de goberno.
A apertura deste espazo para a mocidade no barrio de A Ponte será, segundo Susana García, candiata do BNG-Asembleas Abertas, unha das primeiras medidas que tomemos de chegar ao goberno.