NÓS NO PARLAMENTO
NOA PRESAS
Nada no 1987 no barrio da Ponte na cidade de Ourense. Licenciada en Filoloxía Galega e Románica pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora de secundaria. Formou parte do activismo xuvenil e estudiantil, e a día de hoxe forma parte do Consello e a Executiva Nacional do BNG coa responsabilidade de Acción Feminista.
Deputada na X e na XI lexislaturas, na XI foi portavoz das áreas de Enerxía, Economía, Facenda e Orzamentos, ademais de temáticas específicas do territorio de Ourense.
IAGO TABARÉS
Nado en 1969 en Ourense. Licenciado en Dereito pola USC, exerce como avogado no despacho "Tabarés&Avogados", do que é co-fundador. Ocupou o cargo de Secretario Xeral do PNG-PG e é membro do Consello Nacional do BNG.
Entre 2003-2005 foi concelleiro no Concello de Ourense, e deputado no Parlamento na VII lexislatura. Foi cabeza de lista por Ourense ao congreso nas eleccións xerais de 2008 e 2019 e é deputado no Parlamento Galego dende 2020.
SONIA VIDAL
Creceu en Alemaña, estudou formación profesional de Administración e rexenta unha explotación gandeira. Foi representante sindical do Sindicato Labrego Galego durante dez anos e tamén nos espazos da vía campesiña a nivel europeo e mundial, traballando a prol dos dereitos das mulleres labregas.
Participou na elaboración das directrices voluntarias do Comité de Seguridade Alimentaria sobre a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e das nenas aprobadas en varios estados europeos.
SECUNDINO FERNÁNDEZ
Nado no 1967, na Pobra de Burón (A Fonsagrada). Enxeñeiro de Montes pola EPS de Lugo e enxeñeiro técnico agrícola, na especialidade de Explotacións Agropecuarias, pola EUETA de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela).
Funcionario na Xunta de Galicia dende o ano 2004 e responsábel da Oficina Agraria Comarcal de Viana do Bolo. Foi alcalde de Viana do Bolo dende 2015 a 2020.