Defendemos que sexa a cidadanía a que decida quen debe gobernar Ourense
O BNG pediu hoxe que o pleno do concello solicite ,a través da Xunta de Galiza, ao Concello de Ministros a disolución da corporación local de Ourense e a posterior convocatoria de elccións parciais para a constitución dunha nova corporación, tal e como se recolle a Lei de Bases de Réxime Local.
Esta foi a decisión tomada onte polo Consello Local do Bloque que acordou a presentación dunha moción para que o pleno de Ourense se posicione sobre a proposta nacionalista de eleccións anticipadas. O grupo municipal rexistraba esta mañá a moción e tamén a solicitude de que se debatera nun pleno extraordinario.
O portavoz do BNG, Xosé Somoza, criticou duramente a deriva do grupo de goberno dende setembro do 2012, máis interesados os seus membros en defender os intereses particulares e partidistas que os do conxunto da sociedade ourensá.
Ante a enésima crise de goberno, que o BNG pensa non vai ser a última, debe ser a cidadanía a que decida manter ou dar un xiro político a institución local. A posibilidade existe tal e como recolle o artigo 61 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réximen Local no que di que O Consello de Ministros, a iniciativa propia e con coñecemento do Consello de goberno da comunidade autónoma correspondente ou a solicitude deste e, en todo caso, previo acordo favorábel do Senado, poderá proceder, mediate real decreto, á disolución dos órganos das corporacións locais no suposto de xestión gravemente danosa para os intereses xerais que supoña o incumprimento das súas obrigas constitucionais. Para o BNG a falta de xestión municipal e a parálise do goberno que os grupos veñen denunciando é unha clara xestión lesiva para a cidade e un incumprimento das obrigdas da corporación local.
Dende a oposición, as nacionalistas tentaron sempre reorientar as políticas erráticas do PSOE, facendo propostas orientadas a mellorar a situación crítica que viven os sectores máis desfavorecidos. A pesares de que se aprobaron en pleno moitas das iniciativas do BNG logo o grupo de goberno non foi quen de executalas porque a falta de xestión é manifesta en todas as concellarías.
O BNG recalcou, a través do seu voceiro municipal, que o seu posicionamento crítico coas políticas do equipo de goberno non están dirixidas ao seu derrubo senón a mudar o rumbo dunha xestión causada pola degradación do goberno. Neste sentido, sinalou Xosé Somoza facemos esta proposta pensando no futuro da cidade, pois nen PP nen PSOE representan nestos momentos opcións de futuro para Ourense, o PSOE porque é incapaz de articular un proxecto político e o PP porque está a desmantelar o país e a aplicar políticas antisociais dende todas as institucións nas que goberna sen contar coas propostas da oposición e contra toda a sociedade mobilizada que se opon a estas políticas cada día nas rúas e nas institucións.
O BNG solicitou ademáis que o Alcalde de Ourense convoque para o debate desta moción un pleno extraordinario, dada a relevancia do tema a tratar.