O fútbol sala feminino como axente activo da loita pola igualdade
O BNG propón que o Premio Clara Campoamor á Igualdade entre Mulleres e Homes se lle conceda aos clubes de fútbol feminino de Ourense: As Burgas FS e Ponte Ourense Fútbol Sala Femenino
Texto da proposta remitida á Concellería de Igualdade:
O Grupo Municipal do BNG de Ourense quere realizar a seguinte proposta ao xurado: outorgarlles no ano 2013 o Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes aos Clubes de Fútbol Sala Feminino As Burgas FS e Ponte Ourense Fútbol Sala Femenino de forma conxunta.
O deporte é unha das prácticas máis saudábeis que as persoas podemos desenvolver nas nosas vidas, fomenta valores que contribúen ao crecemento das persoas e que enriquecen a sociedade en que vivimos.
Para moitas persoas o deporte é moito máis, é nunha forma de estar e de ser no mundo que as acompaña no camiño. Para as mulleres o deporte convértese, as mais das veces, noutro espazo de discriminación e de opresión no que aos problemas da propia actividade se unen as discriminacións de xénero que obrigan a soportar unha maior carga e que, habitualmente, provocan o abandono da práctica deportiva.
Nunha sociedade na que as mulleres se ven presionadas económica e socialmente a abandonar a práctica deportiva a unha idade moi temperá, espazos como os clubes femininos e o compromiso de todas as persoas, institucións e axentes sociais que traballan e colaboran, son unha ferramenta indispensábel para ofrecerlles a moitas mozas a posibilidade de desenvolver a súa actividade deportiva con garantías e impedir así que se trunquen as súas aspiracións por motivos económicos ou sociais.
O BNG quere con esta proposta recoñecer o traballo que realizan estos clubes e todas as persoas envolvidas no seu día a día apostando por uns espazos que, a través das súas diferentes equipas, permite que mozas de todas as idades practiquen con garantías e continuidade unha disciplina deportiva na que o recoñecemento social é moi escaso ao trátarse dun deporte historicamente practicado por homes.
O Clube de Fútbol Sala Feminino As Burgas FS e o Ponte Ourense Fútbol Sala Feminino ofrecenlles ás mozas de Ourense, nas súas diferentes categorías de competición, a posibilidade de desenvolver a súa carreira deportiva, acadar os mellores resultados e participar nas máis altas categorías do deporte que practican. De xeito destacado, estos dous clubes apostan pola formación integral das xogadoras e polo seu desenvolvemento deportivo, promocionando as categorías inferiores e a súa proxección para chegar a competicións de primer nivel, conseguindo así que numerosas mozas ourensás participen en torneos nacionais e internacionais na mellor das condicións deportivas.
O BNG realiza esta proposta de premio conxunto a estas dúas entidades tamén para resaltar a necesidade de colaboración e traballo colectivo no recoñecemento do deporte feminino, apostando por tecer alianzas sociais entre entidades que favorezan un maior desenvolvemento das actividades que estas realizan e que consigan unha maior implicación e repercusión social da promoción deste deporte.