Iago Tabarés: "hai xente que cando ten que facer algo, fai algo, aínda que non sexa o que debe facer" en alusión ás últimas obras executadas pola Xunta en Ourense
Desde o BNG poñen en dúbida a necesidade de determinadas actuacións e sobre todo a calidade na execución das mesmas. Para os nacionalistas, a Xunta non trata a Ourense co respecto que a terceira cidade do país merece.
Ourense, 25 de marzo de 2021. Esta mañá, compareceron ante os medios de comunicación a deputada Noa Presas e o deputado Iago Tabarés, acompañados da concelleira Rhut Reza e o concelleiro Luis Seara. O lugar escollido foi a rúa Marcelo Macías, emprazamento que non respostou á casualidade senón que serviu para exemplificar o que os nacionalistas pretendían transmitir.
Segundo o deputado Iago Tabarés, "as últimas actuacións levadas a cabo en materia de infraestruturas e mobilidade por parte da Xunta de Galiza en Ourense deixan moito que desexar. Hoxe estamos en Marcelo Macías pero ben poderiamos estar na Avda Otero Pedrayo, na praza de abastos ou mesmo nalgún parque da cidade".
O deputado Tabarés, afirmou que cómpre reflexionar sobre a obra pública desde o punto de vista económico, social e da eficacia dos recursos públicos. Para Iago Tabarés, desde o punto de vista económico, "o goberno de Do e PP no ano 2019 foi xunto con Palencia e Segovia o que menos licitou", para engadir, "a Xunta de Galiza en modo algún compensou ese déficit de licitación e o Estado reduciu os investimentos ao redor do 89%".
Segundo o BNG, e tal e como manifestou o deputado Tabarés, "se nos centramos na Xunta de Galiza, vemos un conxunto de obras ao longo dos últimos anos, por exemplo o edificio xudicial escasamente funcional, cun investimento de 18 millóns de euros. A Avda otero Pedrayo cuio investimento estivo ao redor dos 1,7 millóns e que non é o proxecto que demanda Ourense, xa que a idea orixinal era o soterramento para permitir a permeabilidade dos dous campus".
Iago Tabarés aludiu tamén ás obras que se están a executar en Marcelo Macías, as da contorna da ponte romana, o skatepark do parque do Couto, a futura senda peonil de Reza ou mesmo a recén estreada estación de autobuses, "actuacións claramente cuestionábeis".
Calidade das obras executadas ou en execución
Outro dos argumentos esgrimidos polos nacionalistas na súa comparecencia de hoxe, fixo referencia á calidade das obras xa executadas ou aínda en execución. Segundo os nacionalistas "a calidade das obras non se corresponde co proxectado inicialmente, o exemplo máis claro é o que está acontecendo precisamente en Marcelo Macías, onde varios informes técnicos municipais alertan de múltiples deficiencias na execución das obras".
"A Xunta inviste pero non certifica que as obras sirvan para humanizar, para solventar problemas importantes como pode ser o saneamento". En definitiva, "a Xunta non é nin eficiente nin eficaz coa xestión dos recursos públicos".
Reclamacións á Xunta
Iago Tabarés avanzou que desde o BNG seguirán reclamando tanto desde o concello, o Parlamento galego e mesmo o Congreso dos Deputados, investimentos axeitados para Ourense e sobre todo que se executen todos aqueles que levan anos agardando. Igualmente reiterou que desde a formación nacionalista reclamarán o "soterramento da Avda Otero Pedrayo, que a Xunta humanice Ourense a través das múltiples rúas de titularidade autonómica, unha reformulación das obras ao carón da Ponte romana, ou que as pistas de skate non destrocen un dos parques da cidade como é o do Couto".
Reclamacións ao Goberno do Estado
Ao goberno do Estado reclamoulle investimentos en vías clave para a mobilidade e as comunicacións de Ourense como son a A-56 a Lugo, a A-76 a Valdeorras ou a tan agardada ronda bulevar".