O PP non respalda a defensa dos galegos, ante os espolio eólico na Galiza, que propón o BNG
O BNG lamentou no pleno provincial que o PP recaese en erros do pasado, como aconteceu coa enerxía hidráulica, e lexitimase a situación neocolonial en defensa de grandes multinacionais.
O BNG continúa a defender a necesidade dun Plan Único ante a modificación orzamentaria da Deputación.
O BNG oponse á lei de saúde defendida polo PP, por coercitiva e non abordar necesidades reais.
Desde o BNG lamentamos que o Partido Popular non aceptara a moción a respecto dos eólicos que propúñamos hoxe no pleno provincial, afirma Bernardo Varela, voceiro provincial do BNG.
Entendíamos que era unha posición equilibrada entre a importancia que ten a enerxía eólica e a necesidade de garantir a protección da paisaxe, do medio ambiente e dos dereitos da veciñanza propietaria tanto de montes comunais como de propiedades privadas da nosa provincia.
“Non pode ser que o Partido Popular esté para defender os intereses da multinacionais eólicas, aquelas que veñen a explotar un recursos propios do País sen deixar practicamente nada no territorio”. Aproximadamente só o 1% do beneficio producido queda no territorio. “Agardamos que o PP rectifique esta postura e defenda os intereses do País.”
O BNG defende o Plan Único ante a modificación orzamentaria.
Con respecto á proposta que traía o PP de modificación orzamentaria ao pleno provincial por un valor de 20 millóns de euros, o BNG continúa a defender un “Plan Único”.
Un plan que supoña un reparto equilibrado dos fondos dos que dispón a Deputación provincial de Ourense. Para o voceiro nacionalista “non é de recibo que 45 millóns de euros, sobre un total de 90 millóns, queden sen investir na nosa provincia.” E continúa afirmando que “non estamos en condición de que isto ocorra, e menos de que o Partido Popular faga un reparto totalmente discriminatorio e sen ter en conta criterios obxectivos, con fondos que son de todos. Estes fondos son da administración pública, non son do Partido Popular, e polo tanto entendemos que se deben establecer uns criterios e asociacións reciban unha parte proporcional en función das súas necesidades para desenvolver políticas activas que tanto precisa a nosa provincia”
A lei de saúde defendida polo PP.
Ante a defensa realizada polo PP da Lei de Saúde, Varela manifestou que para o BNG a lei de saúde que defendeu o PP durante o pleno provincial é unha lei que cuarta completamente os dereitos da cidadanía e que sobre todo non aborda as necesidades reais da sanidade galega,
“A sanidade galega non precisa leis coercitivas, leis que só sirvan para multar á cidadanía. Precisa recursos económicos, recursos de persoal e recursos en infraestruturas para desenvolver unha sanidade digna para todos os veciños e veciñas de Ourense”, declarou o voceiro provincial.