[ E ] Luis Seara 'O BNG-Asembleas Abertas preséntase para liderar un cambio radical nas políticas '
Falamos con Luis Seara candidato num 3 da lista do BNG-Asembleas Abertas sobre algunhas das propostas para Ourense. Luis é natural de Ourense, ten 50 anos de idade. Diplomado en Maxisterio. Asesor do Grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense. Foi concelleiro nA Merca e actualmente é membro do Consello Local e Comarcal da Comarca de Ourense.
Fálase moito nesta campaña de servizos públicos, cal é a proposta do BNG-Asembleas?
Nunha palabra: remunicipalización. Apostamos porque progresivamente desde o Concello se retome a xestión pública dos servizos fundamentais que debe ofertar. Temos como obxectivo garantir o acceso universal aos servizos públicos básicos independentemente das circunstancias económicas da veciñanza. Para iso hai que retomar o control público dos sectores básicos e estratéxicos e que o obxectivo sexa o colectivo por riba do privado, satisfacer as necesidades da veciñanza e camiñar cara un modelo onde se controle máis e mellor os gastos do funcionamento dos servizos municipais. Ademais esta é unha forma de xerar emprego de calidade na cidade. Traballaremos para recuperar servizos privatizados como a auga ou a xestión do lixo, impedir novas privatizacións e controlar as concesións e contratacións públicas mentres non poidan ser rescatadas para que cumpran integramente os contratos polos que lles foi adxudicada.
Ourense, sinónimo de envellecemento e persoas en risco de exclusión social, como se actúa dende un Concello ante isto?
Apostamos por un Concello que protexa a quen máis o necesite. As persoas que nos organizamos no BNG traballamos por institucións que estean ao carón da xente e que se opoñan firmemente ás políticas inxustas; por iso, loitaremos para garantir que o concello protexa ás veciñas desafiuzadas, ás estafadas polas preferentes, ás emigrantes retornadas e a toda a veciñanza afectada pola crise económica que nos afoga cada día. Fixémolo sempre e seguiremos facéndoo, para iso promoveremos o aumento das partidas orzamentarias destinadas ao gasto social, particularmente no ámbito dos servizos sociais e temos propostas concretas e realistas para as persoas en risco de exclusión social, para as migrantes, a poboación cigana, os afectados e afectadas polo expolio da vivenda e para as situacións de dependencia, agravadas todas elas coas políticas austericidas de PP e PSOE, para quen desde longo non están sendo unha prioridade.
Fala o BNG-Asembleas Abertas do perigo que supón o PP para o urbanismo en Ourense, por que?
Porque o Partido Popular goberna para os seus amigos, e os seus amigos son as grandes constructoras e especuladores que se benefician a costa de todas cando se lles regala a xestión dos servizos públicos ou a posibilidade de construír de forma desproporcionada nunha cidade con 15.000 vivendas baleiras. O PXOM do 2003 que caeu fixoo porque o PP deu un cambiazo de planos, enganando a toda a cidadanía para protexer intereses particulares. Cando regalaron os terreos das Burgas e secaron o corazón termal da cidade tamén foi para entregar algo que é de todas aos seus amigos. O BNG-Asembleas Abertas representa todo o contrario: o BIC das Burgas, a súa protección, a reforma das traseiras, a expropiación dos terreos para que sexan de todas, máis de 20 reunións coas veciñas para explicarlles o PXOM e a reclamación dunha segunda exposición pública como garantía de que sexa de todas e non duns poucos.
Tes experiencia directa das políticas caciquiles do PP na Deputación, que supón o Baltarismo para Ourense?
A herdanza que nos deixa o Baltarismo durante os máis de 25 anos de goberno, de xeito ininterrumpido, é a de un provincia que lidera os rankings en subdesenvolvemento e benestar, unha Provincia onde o paro medrou exponencialmente, unha institución inxestionable que ten dentro do seu entramado burocrático máis de 700 fideis traballadores/as, e que nalgúns casos superaron os mil. O resultado do paso por esta Institución de Baltar Pumar non pode ser máis desolador.
O PP de Baltar leva xestionado unha cantidade inxente de recursos, cantidades que superan os 2.000 millóns de euros, que non actuaron de catalizador para sacar á Provincia dos últimos lugares dos indicadores de benestar e progreso, senon que acentuaron todavía máis as desigualdades existentes con outros territorios do País e do Estado.
Esta forma de xestionar os recursos públicos, ao servizo do Baltarismo e tamén do Partido Popular, non é neutra e produciu uns efectos dramáticos que teñen a sua expresión máis cruenta na estrutura demográfica da Provincia e nas perspectivas a medio e longo prazo, cunha perda galopante de habitantes e a fuxida obrigada por parte dos mozos e mozas que representan a xeración máis e mellor formada da historia do noso País.
Como é posíbel que o PP controle e coaccione a tanta xente na provincia preguntan algúns, cal é a resposta que o BNG dá a iso?
Durante todos estes anos conviviron varios elementos necesarios para este cocktail: un primeiro elemento, a existencia dunha procesión de caladiños, que nunca se atreveron a cuestionar o que se facía, porque lles ía ben e se beneficiaban desta personalmente, e un entramado político-institucional, que sobarda á propia deputación, que nas máns do Partido Popular, adquire a súa verdadeira razón de ser e de existir: a utilización das institucións, ben sexan as deputacións, as mancomunidades ou os concellos, ao servizo do Partido para tecer unha rede clientelar de enormes proporcións, que permitiu proceso electoral tras proceso electoral cimentar as distintas maiorías do PP. O PP amparou e foi complice das practicas clientelares de Baltar.
No BNG temos claro que o Baltarismo non desapareceu coa marcha do seu inventor, senon que segue máis vivo ca nunca, iso sí con outras formas, pero segue a ser un instrumento clientelar útil nas máns do actual Presidente e do Partido Popular. A única mudanza entre a política de Baltar pai e a de Baltar fillo é o troco da boina polo IPAD.
Baltar e o PP venden renovación, mas semella que todo segue igual. É así?
Os cambios encetados polo actual Presidente son máis cosméticos que efectivos e continúan a ser o paradigma de modelo clientelar do seu predecesor, coa única diferenza de que agora as limitacións para as contratacións de persoal son moito maiores, polo cal hai que recurrir a subterfuxios legais para seguir contratando e que a volta de poucos anos os poucos servizos da deputación, que quedan por privatizar estarán privatizados.
Cal é a alternativa que presenta o BNG-Asembleas Abertas fronte a isto?
A primeira é a supresión das Deputacións como ente de xestión, dende o BNG-Asembleas Abertas acreditamos noutro tipo de organización para as administracións deste país como a comarcalización e as mancomunidades. Pero mentres non temos forza para mudar as leis e facelas desaparecer cómpre termos forza nelas para enfrontar as políticas do Partido Popular. A presenza do BNG nesta institución ten demostrado que somos imprescindíbeis para frear o expolio ao que someten a provincia e os Concellos e para denunciar as falcatruadas do PP, as colocacións de amigos e familiares e o roubo descarado dos recursos públicos para a súa privatización. O BNG-Asembleas Abertas preséntase para liderar un cambio radical nas políticas públicas en Ourense.