O BNG pregunta polas cautelas da Xunta ao asinar investimentos de depuración en Cea cun Alcalde que cometeu un delito contra o medio ambiente

undefined
Noa Presas, deputada do BNG por Ourense

Presas recorda que, segundo informacións públicas, o Alcalde de San Cristovo de Cea foi condenado por delito contra o medio ambiente e pactou co Tribunal a inhabilitación por un ano para a toma de decisións políticas neste ámbito

O BNG pregunta á Xunta que prevencións aplica o Goberno galego para asegurar unha boa xestión dos recursos dos galegos e galegas por riba dos intereses electorais do PP

O BNG pregunta polas cautelas da Xunta ao asinar investimentos de depuración en Cea cun Alcalde que cometeu un delito contra o medio ambiente

San Cristovo de Cea, 17 de marzo de 2025. O BNG rexistrou no Parlamento Galego, a través da deputada nacionalista Noa Presas, unha batería de preguntas despois de declaracións públicas do Alcalde de San Cristovo de Cea respecto da sinatura dun convenio coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para financiar a reforma integral da EDAR de Cea, que abordará a separación de pluviais e fecais dentro do casco urbano da vila de Cea.

Para Presas “é necesario que a Xunta invista neste concello e invista para mellorar o saneamento, mais temos unha enorme preocupación porque estes anuncios cheguen da man dun Alcalde que recoñeceu un delito contra o medio ambiente e que presuntamente seguiría inhabilitado para tomar decisións deste tipo. Estamos acostumadas a que a Xunta use os Convenios de Augas de Galiza para favorecer os intereses electorais do Partido Popular e preocupa que a Xunta prefira sacar unha foto partidista antes que tomar as debidas garantías de que os recursos dos galegos e galegas van estar ben xestionados”.

Para o BNG, “resulta sorprendente que nos últimos meses o Goberno galego saque fotos deste compromiso co Alcalde de San Cristovo de Cea ao mesmo tempo que, segundo consta nas informacións públicas, é posible que continúe inhabilitado para a toma de decisións relacionadas coa xestión de augas residuais, isto require de explicacións”.

O BNG recorda que “segundo as informacións públicas, a finais de abril do ano 2024 José Luis Valladares recoñeceu ante o Xulgado do Penal de Ourense ter cometido un delito contra o medio ambiente por unha vertedura de aguas residuais directamente ao regato O Toxo sen ningún tratamento de depuración. Un acordo co Ministerio Fiscal evitou unha pena maior e a inhabilitación completa para cargo público pero si para as cuestións de xestión e decisión medioambiental e con estes antecedentes é obvio que cada euro investido debe ser vixiado para asegurar que a veciñanza de San Cristovo camiña cara uns servizos de tratamento de augas do Século XXI e se faga unha boa xestión”.

Polo tanto, para as nacionalistas “é necesario fiscalizar que o Goberno galego toma as cautelas e medidas adecuadas para previr asinar ningún proxecto cun Alcalde inhabilitado para estas funcións e, asemade, prever que un Concello con semellante historial incorra nunha mala xestión dos recursos públicos” afirmou o BNG, que solicitou copia dos informes remitidos polo Concello de San Cristovo de Cea a Augas de Galiza e da avaliación elaborada por Augas de Galiza para velar polas necesidades da veciñanza.

O BNG pregunta polas cautelas da Xunta ao asinar investimentos de depuración en Cea cun Alcalde que cometeu un delito contra o medio ambiente