Luis Seara: "dicimos alto e claro, residencia sí, pero queremos garantías e a día de hoxe non existen"
"O que pretende o PP é xustificar os seus reiterados incumprimentos con Ourense botándolle a culpa aos demais". Que foi da promesa de Feijóo de 2017 de construir unha residencia pública en Ourense?"
"Nós demos o voto favorable a unha moción o 4 de decembro de 2020, vinculada ao cumprimento de 2 premisas, ningunha das dúas cuestións está resolta, por máis que se empeñen en dicir o contrario".
Ourense, 20 de setembro de 2021. Esta mañá compareceu o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, é dicir, Luis Seara e Rhut Reza xunto ao deputado Iago Tabarés e a deputada Noa Presas para clarexar algunhas das cuestións que a día de hoxe seguen a ser obxecto de debate en torno á parcela da antiga estación de buses no barrio do Pino e a residencia de maiores proxectada nela.
Na súa intervención, Luis Seara deixou claro que "hai un proverbio que dí que unha verdade a medias é unha mentira completa. E iso é o que está a acontecer co que dí o PP en relación coa residencia de maiores do Pino".
Seara lembrou o acontecido no pleno o pasado mes de decembro de 2020, "nós demos o voto favorable a unha moción o 4 de decembro de 2020, vinculada ao cumprimento de 2 premisas, resolver o conflito urbanístico existente na parcela co fin de poñer a disposición os terreos con todas as garantías legais e xurídicas e cumprimento das demandas da veciñanza. Ningunha das dúas cuestións está resolta, por máis que se empeñen en dicir o contrario".
Para o concelleiro, "o BNG ten sido moi claro con esta cuestión e todo o mundo sabe que este non é o noso modelo e que para nós e irrenunciable a defensa da xestión pública directa. Xa sabemos, e lamentablemente puidemos experimentalo durante a pandemia, cal é o resultado do modelo privatizador que defende o PP".
Para o BNG "resulta obsceno escoitar ao PP dicir que está en xogo un investimento de 12 millóns de euros, acusando á oposición de ser o responsable de que se perda ese diñeiro por non votar a favor do cambio de calificación".
"Non imos asumir, sendo 2 concelleiros de 27, tal responsabilidade. O que pretende o PP é xustificar os seus reiterados incumprimentos con Ourense botándolle as culpas aos demais". Luis Seara preguntouse "Que foi da promesa de Feijóo de construir unha residencia pública en Ourense?"
"Lémbrolles señoras e señores do PP, que a comezos de 2017 Feijóo prometeu a construción de sete novas residencias con 900 prazas nas grandes cidades de Galiza, e unha delas en Ourense, nas Lagoas, un proxecto ao que se destinarían 6 millóns de euros para 120 prazas e coa creación de 75 postos de traballo. Nada se fixo. Non so non se fixo nada, senon que se retirou o orzamento por parte da Xunta".
Luis Seara rematou a súa comparecencia afirmando con contundencia que "se non se fai a residencia non será culpa do BNG, será culpa en todo caso de quen leva mentindo durante todos estes anos e incumprindo o que promete".
Iago Tabarés
Pola súa banda, o deputado Iago Tabarés, quen tamén ven de solicitar información á Xunta de Galiza e referida a este proxecto afirmou claramente que a inversión da fundación de Amancio Ortega "non está vinculada a unha parcela en concreto, a inversión está garantida e así aparece negro sobre branco no convenio asinado entre a Fundación e a propia Xunta, que non enganen á cidadanía".
Para Tabarés o que está a facer o PP en Ourense é "tentar encubrir os incumprimentos reiterados de Feijóo con Ourense", e engade, "a Xunta aproveita os periodos preelectorais para facer este tipo de anuncios e foi precisamente ao albur das eleccións autonómicas de 2016 cando anunciou dentro do programa como na casa, que íase facer unha residencia en cada unha das sete cidades de Galiza".
Tabarés tamén deu conta da última documentación obtida polos nacionalistas e referida ao contrato asinado no seu día entre a Xunta e unha empresa, Oficina de Planeamento S.A. para a determinación das ubicacións de cada unha das residencias proxectadas en cada unha das sete cidades do país.
"Segundo o informe desa empresa e no caso de Ourense, determinaron que a mellor ubicación era no barrio do Vinteún, na parcela que en abril do 2019 o concello cedeu á Xunta a través dun convenio e parcela que agora desbotan".
"Desde 2016 ate o 2019 a Xunta no fixo nada, e foi en 2019 onde contratan un concurso de ideas para a elaboración dos proxectos coa parcela do Vinteún como emprazamento no caso de Ourense". Ante esta situación, Tabarés anunciou unha serie de iniciativas no Parlamento para saber porqué motivos agora se desbota dita parcela.
No tocante ao dereito de reversión, o BNG ten claro que debe ser a Xunta a que clarexe se asume todas as consecuencias legais e económicas que se poidan derivar do posible exercicio do dereito por parte dos propietarios da parcela do Pino.
Por último Iago Tabarés deixou claro que estamos a falar dunha residencia que segundo as propias promesas do PP de Feijóo, "xa tiña que estar rematada en 2020".