O BNG demanda un Plan Único de financiación provincial

Bernardo Varela
Bernardo Varela

Bernardo Varela enmenda os orzamentos do Partido Popular na Deputación de Ourense para que os fondos provinciais sexan repartidos de forma equitativa entre os concellos da provincia.

O BNG demanda un Plan Único de financiación provincial

 O voceiro do grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, considera que non se pode deixar pasar sen pena nin gloria o debate máis importante na Deputación de Ourense, o debate dos Orzamentos provinciais para o ano 2022. Sobre todo nunha provincia que segue a caer en  picado en número de habitantes e no que aumenta a media de idade da súa poboación.

 Estes orzamentos que presenta o partido popular volven ser máis do mesmo, valora o voceiro nacionalista, que non presentan ningún tipo de revulsivo á realidade que padece a provincia e que perpetúan un modelo de reparto de fondos discriminatorio entre os diferentes concellos da provincia. E a pesar disto, vai contar co voto favorábel de Democracia Ourensana, un voto que o ano pasado foi negativo. Isto mostra ben ás claras o que lle importa a provincia a algúns grupos políticos.

 Ante esta situación o BNG fai unha proposta da que detrae fondos dunhas partidas que consideramos perfectamente prescindibles ou cando menos reducibles, indica Varela, até acadar un fondo de algo máis de 18 millóns euros para que sexan repartidos entre os concellos a través dun Plan Único de forma equitativa.

Deste fondo de 18 millóns repartiríase o 40% de forma lineal entre todos os concellos menores de 20.000 habitantes e un 60% repartiríanse de forma complementaria en base a criterios obxectivos, estes criterios para o  cálculo de coeficientes de reparto serían os establecidos pola propia FEGAM: 20% Superficie;  25% Entidades poboación; 40% Poboación; 15% Índice de envellecemento.  

 Para o voceiro do BNG non é críbel que desde a Deputación se manifeste que “ante a complexidade das distintas temáticas presentadas, resultaría inviable realizar unha única convocatoria en un único prazo e en forma de concorrencia competitiva.” Este modelo de Plan Único estase aplicando na práctica totalidade das Deputacións do Estado e sobre todo estase levando a cabo nas outras tres de provincias de Galiza. “por tanto, se o goberno provincial do PP non ten capacidade sería mellor que o deixe”.

Este modelo suporía, ademais de dotar aos concellos de fondos para facer fronte ás súas necesidades, un engadido positivo ao permitir aos concellos ter con antelación unha previsión dos fondos cos que van contar cada ano, e poder establecer as súas prioridades en función das necesidades que teña a súa veciñanza.

 

MOCIÓN DO BNG A PROL DUNHA EMPRESA PÚBLICA GALEGA DE ENERXÍA

 Esta proposta que o BNG xa presentou no mes de xuño de 2021 ante o pleno provincial de Ourense, volta a manifestar a súa tremenda urxencia, xunto a necesidade dunha tarifa eléctrica galega.

GALIZA PRODUCE MADRID CONSUME - OURENSE

 Varela demandará que a Deputación inste á Xunta de Galiza a crear esta empresa pública galega de enerxía, asumindo todas as competencias nesta materia, retornando ao público os encoros con concesións vencidas e que xestione cando menos o 20% da enerxía dos eólicos instalados en Galiza.

 “Non ten ningún sentido que os recursos públicos sexan postos só a disposición duns poucos, do oligopolio eléctrico,  polo que desde o Bloque facemos un chamamento ao resto de partidos para retomar unha proposta que xa se fixera no mes de xuño e que o tempo amosou que tiña máis sentido que nunca” declara o voceiro nacionalista e continúa afirmando   “agardamos que o PP e o PSOE recapacitaran sobre esta proposta tras o acontecido  estes meses, subidas da luz sen parangón e baleirados descontrolados dos nosos encoros, e que poñan o seu gran de area para conquerir un sistema eléctrico máis xusto”

O BNG demanda un Plan Único de financiación provincial