Luís Seara, "O reparto de competencias das Áreas municipais amosa as verdadeiras intencións de Jácome"
Desde a formación nacionalista destacan que “o alcade delega competencias nas Concelleiras e Concelleiros do seu Grupo pero quédase con aquelas que mobilizan un maior montante económico do Orzamento e teñen unha maior visibilidade”
Para o BNG chama a atención que o Concelleiro Rafael Cachafeiro sexa o único membro de DO que non asume ningunha competencia e que Francisco Lorenzo, vinculado ás escoitas presuntamente delictivas e coñecido nas mesmas como “el conseguidor” sexa Concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Patrimonio
Ourense, 29 de xuño de 2023. Logo de coñecer a última hora da mañá o reparto de competencias das diferentes Áreas de goberno por parte do alcalde Gonzalo Pérez Jácome, para o Grupo municipal do BNG o reparto feito revela as verdadeiras intencións do Rexedor xa que tal e como expón o Portavoz nacionalista Luís Seara, “delega competencias nas Concelleiras e Concelleiros do seu Grupo máis atribúese a si mesmo aquelas materias que mobilizan un maior montante de recursos económicos do Orzamento e que teñen unha maior visibilidade diante da veciñanza”.
Para o Grupo municipal do BNG chama a atención que o Concelleiro Rafael Cachafeiro non teña competencias delegadas pero aínda máis que as de Urbanismo, Vivenda e Patromonio recaigan en Francisco Lorenzo, “unha persoa baixo sospeita polas escoitas publicadas nas últimas semanas e nas que presuntamente é denominado como el conseguidor, referido ao cobro de mordidas en contratos de obra pública”.
En todo caso, desde o BNG agardan que a diferenza do acontecido no anterior mandato, as diferentes Concellerías funcionen con normalidade e se lle facilite á oposición toda a información solicitada “en tempo e forma”.
Luís Seara afirma que “desde o BNG exerceremos unha oposición construtiva, exercendo o control e fiscalización da acción de goberno co rigor e a seriedade que nos caracteriza”.