O BNG pide a paralización da tramitación do proxecto de Ordenanza municipal Reguladora da instalación e uso de terrazas de veladores en espazos públicos do Concello de Ourense “en tanto en canto non informe a Comisión Técnica de Accesibilidade da Xunta de Galiza”
No BNG fan referencia ao informe, aínda non emitido, e que o propio Coordinador Xeral do Concello considera “vinculante e clave” para garantir a viabilidade xurídica da Ordenanza
A formación nacionalista, alén de remitirlle un escrito á Comisión Técnica de Accesibilidade para solicitar dito informe “á maior brevidade posible”, presentará unha PNL no Parlamento de Galiza
Ourense, 30 de xuño de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense ven de rexistrar sendas solicitudes logo de coñecer e avaliar o Proxecto da Ordenanza municipal reguladora da instalación e uso de terrazas de veladores en espazos públicos do Concello de Ourense. Un deles vai dirixido á alcaldía do Concello e nel, o BNG solicita a paralización do procedemento “en tanto en canto por parte da Comisión Técnica de Accesibilidade da Xunta de Galiza non se emita o informe solicitado, pois o que está en valoración e estudo é a seguridade, a integridade e o benestar da veciñanza do Concello de Ourense polo que cómpre ter, para a adopción de calquera decisión, máxima seguridade xurídica sobre a legalidade da citada Ordenanza”.
E é que tal e como relatan na exposición de motivos, “tal e como consta no informe elaborado polo Coordinador Xeral da Administración Local, o informe da Comisión Técnica de Accesibillidade da Xunta de Galiza é vinculante”.
Desde o BNG lembran tamén que “o propio Coordinador Xeral, manifestaba nunha das reunións da Comisión creada ao obxecto, que o informe da Comisión Técnica era clave, polo que parecería lóxico pois, antes de continuar coa tramitación do expediente, agardar a que se pronuncie a citada Comisión”.
Segundo puideron saber os nacionalistas, o Concello dirixiuse mediante oficio á propia Comisión o pasado 13 de febreiro de 2023. Desde entón, transcorreron 5 meses, “o que entendemos é un prazo máis que razoable para ter emitido o informe, motivo polo cal poremos esta cuestión en coñecemento da Comisión Técnica para que actúe á maior brevidade, co obxecto de que os Grupos municipais teñamos todos os elementos de xuízo necesarios para a fixación da nosa posición en relación co Proxecto de Ordenanza remitido”.
Ao tempo, no BNG afirman que tamén levarán esta cuestión ao parlamento de Galiza a través dunha Proposición Non de Lei “co obxecto de que a Comisión deixe de mirar para outro lado e resposte informando sobre o solicitado polo Concello de Ourense”.