Luís Seara, “a Xunta terá que explicar por qué sendo Ourense a cidade na que máis medrou o emprego dixital nos últimos anos e cumprindo con todos os requisitos, opta por A Coruña como candidata a ser sede da AESIA”
Para o Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara, “a decisión amosa de novo a falta de liderado e o escaso peso político que ten o terceiro concello do país con Jácome e Baltar á fronte"
“A Xunta non pode ampararse en criterios técnicos para xustificar a súa decisión pois neste tipo de cuestións a decisión ten que ser política”
Ourense, 25 de outubro de 2022. Coñecida a nova de que finalmente a Xunta de Galiza opta pola cidade da Coruña como candidata galega a ser sede do Axencia de Supervisión da Intelixencia Artificial, desde o BNG amósanse incrédulos ante tal decisión e pídenlle explicacións ao Executivo de Alforso Rueda.
Segundo o Portavoz municipal e candidato a alcaldía Luís Seara, “non se entende que sendo Ourense a cidade na que máis medraron os empregos TIC nos últimos anos e cumprindo con todos e cada un dos requisitos esixibles, non sexa a opción da Xunta para ser candidata a albergar o Centro de IA”.
Seara entende que “o Goberno de Rueda terá que dar moitas explicacións sobre que entenden por discriminación positiva e os motivos polos que desde o principio desbotaron posicionarse claramente a favor da nosa candidatura”. Asemade, Seara engade que “unha decisión deste calado non pode quedar únicamente a expensas de criterios técnicos, cómpre posicionarse a nivel político e tomar decisións. Ourense cumpría con todas as esixencias e pese a iso, a Xunta, coñecedora da situación demográfica, económica e social da provincia e da cidade, volve deixarnos de lado”.
Pouco peso e falta de liderado.
Pero para a formación nacionalista, tamén faltou ao longo de todo este tempo un liderado forte que encabezara a candidatura de Ourense e servise de estímulo para o resto da sociedade.
Luís Seara incide en que “una candidatura desta embergadura non se defende únicamente cunha declaración institucional, cómpre facer unha forte presión política e pórse á fronte da reivincación”.
“Demóstrase unha vez máis o escaso peso e a falla de liderado político de Ourense tanto a nivel concello, sendo como somos o terceiro do país, como a nivel provincial”. Seara conclúe que “as veciñas e veciños terán que preguntarse para que serven Jácome e Baltar xa que ao longo de todo este tempo foron incapaces de liderar unha resposta social á candidatura”.