As eivas nas obras da rúa Marcelo Macías chegan ao Parlamento galego da man do BNG
Os nacionalistas preguntarán á Xunta de Galiza os motivos polos cales non subsana as graves eivas detectadas e comunicadas polos técnicos municipais e o motivo polo que non convoca o grupo de traballo previsto no protocolo de execución das obras
Ourense, 04 de marzo de 2021. O Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento galego, máis concretamente a través do deputado por Ourense Iago Tabarés, ven de rexistrar unha serie de iniciativas, relativas ás obras de reforma que se están executando na rúa Marcelo Macías, e as cales, contan con graves deficiencias, tal e como apuntan os técnicos municipais en varios informes emitidos.
No BNG queren saber por qué motivo a Axencia Galega de Infraestruturas continúa adiante coas obras e non subsana as graves deficiencias detectadas e que comprometen seriamente a reforma de cara ao futuro, tal e como xa aconteceu coa levada a cabo nesta mesma rúa no ano 2008.
Destacan desde a formación nacionalista que o pasado 28 de outubro de 2020 varios técnicos do Concello de Ourense realizaron visita as obras que se estaban a executar a fin de comprobar o estado e conformidade das mesmas, apreciándose a existencia de múltiples deficiencias que se puxeron en coñecemento da Xunta de Galiza, en canto titular da vía. Unha das principais estradas de aceso á cidade de Ourense.
Segundo os nacionalistas, na referida inspección, durante a cal non se constatou a presenza de persoal da empresa encargada da execución da obra ou do control o vixilancia da mesma, detectáronse eivas e deficiencias na execución dos bordos, no recheo das gabias, nas concesión coas redes dos servizos existentes, nomeadamente no saneamento e abastecemento, así como o emprego de materiais distinto ao previsto no proxecto.
Semanas despois, en reunión celebrada cos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas na propria obra, os técnicos municipais espuxeron novamente as eivas detectadas, así como a existencia de danos no alumeado pública consecuencia do singular sistema empregado para ordenación provisoria do tránsito viario.
Xa que logo, segundo as comprobacións realizadas polos técnicos do Concello de Ourense as obras non se están a executar conforme ao proxecto aprobado no seu día, estanse a empregar materiais de distintos aos pactados, intervindo sen autorización en infraestruturas municipais e producindo danos non reparados no sistema de alumeado público. Asemade as obras que supostamente permitirían a “humanización” da rúa Marcelo Macías, van implicar graves limitacións na deambulación e no tránsito peonil das persoas con mobilidade limitada ao suprimírense os rebaixes nos bordos dos pasos de peóns, tanto na rúa Marcelo Macías, como en outras perpendiculares como pode ser a rúa Martínez Sueiro.
Por todos estes motivos, o Grupo Parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo, ven de rexistrar unha Proposición non de Lei para que o Parlamento inste ao Goberno Galego á corrección das deficiencias existentes na execución das obras de Reparación de servizos e firme na rúa Marcelo Macías, a fin de que a obra executada e os materiais empregados se correspondan co proxecto adxudicado no seu día.
Tamén solicitarán proceder á realización das obras de acondicionamento necesarias en Marcelo Macías que permitan o tránsito peonil, nomeadamente ás persoas de mobilidade limitada así como a inmediata reparación dos danos producidos no alumeado público e nas infraestruturas de abastacemento e saneamento do Concello de Ourense consecuencia da execución das obras de reparación e firme na rúa.
Por último, desde o BNG queren que a Xunta constitúa o grupo de traballo previsto no Protocolo de colaboración entre a Consellaría de Infraesturas e Mobilidade da Xunta de Galiza e o Concello de Ourense para a melloras das estradas autonómicas no Concello de Ourense, para o seguimento do referido acordo e das obras que se executen en cumprimento do mesmo.