O BNG no Parlamento galego interésase polo proxecto de comarcalización do Parque de Bombeiros do Concello de Ourense
Os nacionalistas veñen de rexistrar unha serie de preguntas para que a Xunta de Galiza aclare a situación na que actualmente se atopa o proxecto, ou no seu caso, anteproxecto para a comarcalización do servizo, o número de concellos que abranguería e os medios materiais e humanos que cumprirían
Ourense, 02 de marzo de 2021. O Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento galego, ven de rexistrar unha iniciativa relativa ao proxecto de comarcalización do Parque de Bombeiros de Ourense en base ao ditame emitido na pasada lexislatura pola Comisión Especial de Estudo e Análise das Reformas da Política Forestal, de Prevención e extinción de incendios Forestais e do Plan Forestal de Galiza e referido á "comarcalización dos parques de bombeiros das grandes cidades, coa finalidade de reducir considerablemente os tempos de resposta ás emerxencias nas súas áreas metropolitanas”.
Segundo o BNG, concretamente o deputado por Ourense Iago Tabarés, e en cumprimento do ditame da referida Comisión Especial, "designouse un grupo de expertos para a elaboración de propostas para mellorar a loita contra os incendios en Galiza concluíndo na necesidade de primar a profesionalidade do servizo público de extinción de incendios, na maior coordinación do servizos de extinción en torno a un mando único, así como prestar atención a zona sur de Galiza por existir nas próximas décadas un maior risco de incendios".
Tabarés afirma que "recentemente o Goberno Galego ven de manifestar unha teórica vontade de comarcalización do servizo municipal de extinción de incendios e salvamento do Concello de Ourense, alegando como única causa do atraso an formalización do proceso de comarcalización era debido á negativa do goberno central a ceder na elevación na taxa de reposición que permitise ao servizo de extinción incrementar o seu cadro de persoal". Cadro de persoal que, segundo o deputado Tabarés, "xa a día de hoxe non é abondo para cubrir as necesidades do concello, e xa que logo, moito menos o sería para ás que se podan xerar coa comarcalización da prestación de extinción de incendios e salvamento".
Xa que logo das manifestacións do goberno galego se desprende a existencia dun proxecto de comarcalización xa acordado e pactado co resto das Administracións implicadas, no que presuntamente estaría determinado a extensión territorial, os medios e recursos materiais e persoais que cumprirían para a implantación comarcal do servizo municipal de Ourense de extinción de incendios e salvamento.
Por todo o anterior O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego ven de solicitarlle á Xunta de Galiza o proxecto ou, no seu caso, anteproxecto para a comarcalización do servizo municipal de bombeiros de Ourense, comprensivo dos concellos que abranguería e dos medios materiais e humanos que cumprirían para a súa implantación así como os pasos que se levan dado ate o de agora na súa implantación e a interlocución feita co propio Concello de Ourense.