Ourense, unha nova denominación de orixe
Hoxe, o BNG-Asembleas Abertas presenta as liñas básicas do programa de goberno co que as-os nacionalistas traballaremos para converter Ourense nunha nova marca de calidade, nunha nova denominación de orixe.
As candidatas e candidatos do BNG-Asembleas Abertas Susana García, Noa Presas, Luis Seara, Rut Reza, Xosé Lois González, Fabián Freixedo e Beatriz Fariñas- participaron na presentación das ideas forza do programa que pretende, no seu conxunto, mellorar a calidade de vida das persoas que viven en Ourense mellorando os servizos que se prestan dende o Concello para asegurarlles a todas e a todos unha vida digna.
O programa co que o BNG-Asembleas Abertas se presenta a estas eleccións é froito dos contactos mantidos coas veciñas e veciños nas asembleas celebradas en diferentes barrios da cidade nas que as persoas que participaron nos achegaron as súas propostas e prioridades. Neste senso, a candidata Susana García, explicou a xerarquización das actuacións que o BNG-Asembleas Abertas coloca en primeiro plano, a saber, os servizos sociais para axudar ás persoas que viven situacións dramáticas provocadas polos desafiuzamentos, o desemprego e a falta de recursos para afrontar o pago de servizos como a auga, a luz e a calefacción.
Tamén prioritario para un goberno nacionalista e de esquerdas é pórlle freo ao desemprego e para iso e, como sinalaba Susana García, dinamizaremos os sectores económicos termalismo, industria textil e comercio local, entre outros- que favorezan a creación de postos de traballo estábeis e de calidade.
Por outra banda, a participación veciñal para o BNG-Asembleas Abertas non é un simple eslogan, as súas demandas e reivindicacións sempre contaron co noso apoio, na rúa e nas institucións, e así seguirá sendo no próximo mandato no que poremos en marcha os consellos de barrio, convocaremos consultas sobre as grandes actuacións municipais, faremos orzamentos participativos e todo isto dende a transparencia e o acceso á información municipal.
Para o BNG-Asembleas Abertas, os servizos públicos deben ser xestionados dende o público porque como manifestaba Susana García é a mellor garantía de que non se dean prácticas corruptas relacionadas coas adxudicacións e tamén porque o seu funcionamento non estará baseado no negocio senón na prestación de calidade. A candidata nacionalista anunciaba que non se privatizará ningún outro servizo público e que se tentará recuperar o carácter municipal daqueles que hoxe prestan empresas privadas, evitando, sempre, que nese proceso non se produzan perdas económicas para as arcas municipais
O BNG-Asembleas Abertas quer recuperar o Concello de Ourense da man de quen hoxe o ten ao seu servizo para polo ao servizo das veciñas e veciños de Ourense. Tanto o PP como o PSOE, con distintos graos de responsabilidade, puxeron os intereses privados por riba dos públicos e actuaron ao ditado dos intereses duns poucos. O BNG porá o concello ao servizo do pobo.